Traballadores estoupan pola situación nas residencias de anciáns: "A desidia da Xunta é unha burla"

Denuncian longas xornadas laborais sobrecargadas de traballo e menos días de descanso e a inexistencia dunha xestión axeitada do que está acontecendo nos centros tanto por parte de Política Social coma do Sergas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/09/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias de Galicia - TreGa- critica duramente á Xunta de Galicia pola "desidia" coa que está tratando os novos focos que está habendo en residencias e, especialmente, a xestión que se está facendo desde a Administración galega da actual situación creada pola Covid.

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com

"Consideramos que despois dunha epidemia pola que faleceron unhas 10.000 persoas maiores en residencias de toda España con traballadoras que tamén se contaxiaron e, nalgún caso, falecido, a desidia demostrada pola Xunta de Galicia cara a estes colectivos que se xogaron a vida é unha burla", di nun comunicado.

Neste sentido, critica que a administración autonómica vai ditando normas xerais segundo o número de positivos en cada área sanitaria ou comarca. "Paralízanse ou manteñen os ingresos e visitas en residencias en función dos brotes producidos entre a poboación xeral, xerando malestar e incomprensión entre familiares e usuarios, especialmente aqueles máis vulnerables que debido aos seus procesos patolóxicos non entenden porque, de súpeto, non reciben visitas", engade.

Ademais, apunta que a falta de persoal foi un factor determinante na expansión do COVID-19 dentro das residencias e no alto número de falecidos, e tamén ten unha incidencia crave na saúde laboral das traballadoras, "con longas xornadas laborais sobrecargadas de traballo e menos días de descanso".

INCREMENTO DE POSITIVOS

TreGa  destaca que diariamente estase producindo un aumento do número de positivos por coronavirus entre traballadoras e residentes, non só en residencias de terceira idade senón en centros de atención a dependentes tanto públicos como privados. Unha situación da que responsabilizan á Consellería de Política Social e ao Sergas. "É inadmisible que sigan producíndose brotes en centros de maiores e dependentes polo seu deixamento e incompetencia", indica a entidade no comuniado.

Así, destaca que en residencias de DomusVi como a de Ribadumia seguen sen contratar persoal para cubrir baixas, permisos ou vacacións. Na de Aldán onde,  a pesar de que a pandemia se cobrou a vida de varias decenas de usuario, "continuan en materia laboral coma se nada pasase, incumprindo as presenzas diarias de persoal auxiliar de enfermaría, de limpeza, de enfermaría". Tamén din que a de Bembrive non ten fisioterapeuta porque o enviaron á de Ribadumia.

"Iso si, DomusVi publicitou convenientemente que premiou ao persoal con entre 500 e 700 euros -dependendo do centro-. O que non dixo é que ese bonus aplicouno arbitrariamente e non se entregou a todo o persoal, xerando un agravio comparativo entre os distintos centros e traballadoras", denuncia.

Familiares de residentes DomusVi Aldán piden xustiza e saber que pasou cos mortos durante a crise do coronavirus
Familiares de residentes DomusVi Aldán piden xustiza e saber que pasou cos mortos durante a crise do coronavirus | Fonte: c Miguel Núñez

Finalmente, destaca a sentenza do TSXG que  recoñeceu o dereito de todos os traballadores cuxo marco laboral é o Convenio Colectivo de Residencias Privadas de Terceira Idade á compensación de 1,3 días por cada festivo traballado así como que ás 36 horas correspondentes ao descanso semanal deben engadirse 12 horas máis de descanso entre quendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta