Feijóo releva aos conselleiros de Sanidade e Educación e fai a Conde vicepresidente

O novo executivo contará cunha nova consellería con Emprego e Igualdade que dirixirá María Jesús Lorenzana. Julio García Comesaña, ata agora xerente da área sanitaria de Vigo, será o novo conselleiro de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/09/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nomeou o novo goberno que lle acompañará no seu cuarto mandato. Un executivo no que destacan a substitución dos conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Eduación, Carmen Pomar.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de presidentes do 4 de setembro de 2020.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de presidentes do 4 de setembro de 2020.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Tamén haberá cambios na carteira de Economía, que adquire rango de Vicepresidencia con Francisco Conde á fronte e desdóbrase nun novo departamento que aglutina Emprego e Igualdade.

As competencias en educación se reagruparán agora co departamento de Cultura, como o estaban antes da última remodelación en 2018. Así, volverá ser Román Rodríguez quen se ocupe desta área desde a rebautizada Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Ademais, haberá dúas novas caras no Consello da Xunta. Unha delas será, precisamente, a do novo conselleiro de Sanidade tras a destituión de Vázquez Almuiña. O encargado deste departamento chave na xestión da pandemia será Julio García Comesaña, ata agora xerente da área sanitaria de Vigo.

A segunda incorporación ao Executivo de Feijóo é a de María Jesús Lorenzana Somoza, a ata este momento secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, para a que crea unha Consellería de Emprego e Igualdade. A área laboral se desliga así da de Economía, que se eleva a rango de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación con Francisco Conde como titular.

RUEDA SEGUE DE VICEPRESIDENTE

Pola súa banda, Alfonso Rueda continuará como vicepresidente --antes era o único, agora será o primeiro--, pero o seu departamento se rebautiza como Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. Esta última área sumouse a Cultura nos cambios do 2018.

Valeriano Martínez continuará á fronte da carteira de Facenda, que reunirá tamén as competencias en Administración Pública tras desligarse de Vicepresidencia.

En canto ao resto do seu goberno, Feijóo optou por manter as competencias intactas: Fabiola García como conselleira de Política Social; Ángeles Vázquez á fronte de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Ethel Vázquez en Infraestruturas e Mobilidade; José González no medio Rural; e Rosa Quintana como conselleira do Mar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

De acordo, Almuiña leva tempo, e traballou no que sabe (era o anterior xerente do hospital de Vigo)... Pero a conselleira Pomar: qué demo fixo dende que entrou? É ese o nivel de competencia da facultade de ciencias da educación de Santiago? Qué aportou a presunta experta en altas capacidades? Imos encetar o inicio de curso escolar máis complexo da historia autonómica cesando á principal responsable? Feixóo asume a súa incompetencia.