O PSOE critica que Feijóo non cesou á conselleira de política social para non investigar as mortes en residencias

O BNG ve o goberno "continuista e sen peso político" e pide un fondo para comedores e actividades extraescolares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/09/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interpretou que, "pola vía dos feitos", o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "recoñece o seu fracaso" nos ámbitos da educación e a sanidade ao relevar aos seus responsables no goberno.

Con todo, entende que "non se atreve" a cesar á titular de Política Social, Fabiola García, porque quere "que sexa un muro de contención que impida a comisión de investigación" para determinar como se actuou nas residencias ante a crise da covid-19.
ue Feijóo non
En rolda de prensa, Caballero cuestionou tamén que "non queda ningún indicio" no novo equipo de Feijóo da política industrial, ademais de que "Igualdade convérteo en algo anexo a Emprego" e divide "os poderes en dúas vicepresidencias". Con isto último, resta "espazo" a Alfonso Rueda e ao seu xuízo reduce as súas competencias en materia de coordinación, ademais de que "se deixa de albiscar como opción de recambio".

"MOITOS PROBLEMAS DE XESTIÓN"

Os cambios nas consellerías de Educación e Sanidade, coa saída de Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente, mostran, en opinión do lider socialista, que hai "moitos problemas de xestión" e que Feijóo arrinca o curso sen "os deberes feitos".

"Recoñece que o que nos dixo era unha farsa", criticou, antes de cualificar de "nefasto" o traballo para organizar o regreso ás aulas e non observar "ningún acerto" en que esta consellería agora se intege coa área de cultura.

No referente a sanidade, sobre o novo conselleiro, Julio García Comesaña, afirmou que lle "alerta" que fose quen "cesou á xefa de cirurxía plástica porque reclamaba utilizar máscara" ao comezo da pandemia. Pola súa banda, do campo do emprego, apelou a "esperar" se hai novas políticas "ou se simplemente" un cambio de "cromos" e "en clave de PP", pero sen "novas ideas".

Neste escenario, Gonzalo Caballero desexou "todos os acertos" ao novo goberno de Núñez Feijóo, pero concluíu que "recoñece que fracasou e que carece de ideas alá onde é necesario un impulso".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG | Fonte: Europa Press

BNG

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil tachou de "continuista" ao novo goberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, á vez que o viu "sen peso político". Ao comezo do curso escolar, ademais, esixiu un fondo "extraordinario" para garantir o servizo de comedor e as actividades extraescolares a todo o alumnado.

En rolda de prensa, Rodil aseverou que o novo equipo de Feijóo é "máis do mesmo". "Vemos cambios cosméticos, cambios de nomes", censurou, antes de augurar que "a folla de ruta vai continuar", segundo temen os nacionalistas.

Ademais, a parlamentaria do Bloque criticou a "desaparición da industria" do goberno, en "un exemplo claro do escapismo" de Feijóo en ámbitos nos que a Xunta ten competencias. Este é un campo, segundo incidiu, que "debe centrar a actividade" do Goberno, por situacións de sectores como o naval e a produción de aluminio.

Sobre o novo responsable de Sanidade, no contexto da crise da covid-19, Rodil insistiu en que o que Galicia necesita, na súa opinión, "non é un cambio de caras, senón de políticas". E lembrou que este ámbito foi un dos que recibiu máis contestación social en contra de "recortes e desmantelamento" durante a anterior lexislatura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta