Propietarios de salas de concertos de Galicia alertan do peche da "maior parte" de locais antes de final de ano

Pediron unha reunión con representantes de Sanidade, Cultura e Interior para abordar as restricións á actividade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/09/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

Propietarios de salas de concertos galegas chamaron a atención sobre a situación do sector dadas as restricións existentes en relación á pandemia de COVID-19 e alertaron de que, se se mantén esta progresión, a "maior parte" dos establecementos veranse abocados a pechar as súas portas antes de final de ano.

Concerto de The Homens
Concerto de The Homens

Tal e como sinalou a asociación de salas de música en vivo de Galicia Clubtura, as salas de concertos permanecen pechadas en toda a Comunidade desde o pasado 15 de agosto, unha decisión tomada pola Xunta para frear os índices de contaxio do coronavirus.

Con todo, o sector critica que esta orde "equipare as salas de concerto e os cafés concerto aos locais de lecer nocturno", a pesar de que a propia Lei de Espectáculos circunscribe a súa actividade ao ámbito cultural.

Así, cun 2020 "no que o confinamento obrigou ao sector a permanecer pechado de marzo a xuño", época de máis actividade, e "sen unha data posible de reapertura nin a posibilidade dunha apertura parcial en horario diúrno", Clubtura decidiu pedir unha reunión cos responsables dos departamentos implicados: Interior, Sanidade e Cultura.

A solicitude busca "atopar solucións viables para evitar, na medida do posible, a perda de emprego e actividade cultural" en Galicia e apoiar ao sector da música en vivo, "abocado á desaparición paulatina e irreversible ante o obrigado peche das salas e cafés concerto".

Para o presidente da Asociación, Alberto Grandío, a situación destas salas é "absolutamente demoledora". "Ou atopamos unha solución para que se permita a actividade cultural nas salas, do mesmo xeito que se permite noutros recintos culturais, ou Galicia quedará sen salas de concertos en menos de seis meses", alertou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta