A Mesa acusa ó Ministerio de Igualdade de tratar con "desprezos" e "burlas" ó galego

Piden a dimisión da Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero por responder "con prexuízos" a unha denuncia da asociación

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2020 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Nova polémica no tocante ás linguas. A Mesa pola Normalización Lingüísitica vén de denunciar a "burla" por parte do Ministerio de Igualdade á lingua galega nun comunicado no que, por riba, acusa á á Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, de actuar de acordo con "prexuízos" lingüísticos.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, atende aos medios de comunicación antes de manter un encontro cos responsables do Pavón Teatro Kamikaze, en Madrid. Ricardo Rubio - Europa Press
A ministra de Igualdade, Irene Montero, atende aos medios de comunicación antes de manter un encontro cos responsables do Pavón Teatro Kamikaze, en Madrid. Ricardo Rubio - Europa Press

A plataforma, que non dubidou en pedir o cesamento de Rosell, explica que o conflito actual ten a súa orixe no pasado mes de xuño, cando a Mesa criticou que os premios ás mellores teses doutorais sobre violencia de xénero -concedidos polo Ministerio de Igualdade- só aceptaban propostas escritas en castelán.

A Mesa pola Normalización Lingüística mobilizouse entón contra o Ministerio de Igualdade por "negar o mínimo recoñecemento do galego". A cuestión chegou ó Congreso da man de Néstor Rego, deputado do BNG, momento no cal aparece en escea Rosell. Segundo destacan desde a plataforma, a Delegada do Goberno respondeu "con tópicos e prexuízos contra as outras linguas oficiais nos seus territorios", unha situación que ao ser "nega o dereito" dos galegos a "optar en igualdade de condicións a premios públicos".

CONFLITO LEGAL

Así, e sempre segundo a versión da plataforma, a réplica de Rosell "insistiu en supeditar este dereito fundamental da cidadanía ó carácter 'nacional' dos premios e á obriga de todos os estudantes a coñecer a lingua castelán". "A delegada confunde o deber de coñecemento do español fixado pola Constitución española cun suposto deber de uso", denuncia a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas.

Neste aspecto, Rosell asegurou que a esixencia de que as teses doutorais foran redactadas en castelán non implicaba discriminación en tanto que se trataba dunha actividade voluntaria. Este argumento tamén foi rexeitado polos responsables da Mesa, que afean que, aínda que non se trate dunha obriga, implican que o estado "premia unicamente a lingua española". O resto das linguas oficiais, pois "fican restrinxidas a aqueles premios e mencións que queiran ofrecer cada unha das comunidades autónomas, premios que, como saberá a responsábel política deste ámbito", recorda Quintas, "nin sequera existen".

ESIXEN DIMISIÓN

Ante esta situación, a Mesa dirixe as súas esixencias á Delegada do Goberno, á que lle solicita que rectifique as súas declaración ou dimita do seu cargo. De xeito paralelo, pídelle ao goberno do Estado que "depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán" e que actúe para garantir a posibilidade de uso. "Unha posibilidade", salienta, "vetada a través das máis de 500 disposicións legais como a convocatoria deste premio"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta