Crise no Concello de Ourense: o PP rompe o pacto con Jácome

Os populares entréganlle ao alcalde todas as súas competencias tras retirar Jácome as de dous dos seus concelleiros.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/09/2020 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O Partido Popular suspendeu "temporalmente" o Goberno de coalición que mantiña con Democracia Ourensana (DO) no Concello de Ourense, para instar o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, a que "reaccione inmediatamente e ofreza as explicacións necesarias ante unhas acusacións" que considera "moi graves" e das que non quere ser "cómplice", en relación ás presuntas irregularidades na xestión dos fondos do partido.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda).
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda).

Así o trasladou hoxe o concelleiro do PP e exalcalde Jesús Vázquez nunha rolda de prensa urxente celebrada no Concello, arroupado por todos os edís populares da corporación municipal, quen ademais renunciaron a todas as súas competencias por falta de "confianza" ao non entender "a pasividade do alcalde ante unhas informacións que poñen en dúbida a súa honestidade e a súa honorabilidade".

Esta mesma mañá, era Jácome quen lle retiraba as carteiras a dous dos seus concelleiros: a Miguel Caride, a de Infraestruturas, Mobilidade e Transporte; e a Manuel Álvarez, a de Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información.

Horas máis tarde, coñecíase que as outras dúas edilas contrarias ao rexedor abandonaban elas mesmas as súas competencias. En concreto, María del Mar Fernández Dibuja, responsable de Comercio e Seguridade Cidadá; e María Teresa Rodríguez, que ostentaba Educación.

"Esperemos que isto sirva para que o alcalde reaccione con rapidez e ofreza as explicacións necesarias", subliñou Vázquez en referencia á denuncia presentada ante Fiscalía por cinco dos sete edís de DO contra Jácome por presuntas irregularidades no tratamento dos orzamentos públicos do partido.

Con todo, os populares confían en que "a situación" se poida "reconducir nun futuro", aínda que o certo é que polo momento non se dan as circunstancias para que se logre chegar polo menos a unha vía de escape sen pasar pola dimisión de Jácome, que xa negou que se vaia producir.

Polo momento, o vindeiro venres, en pleno extraordinario, o BNG, como forma de presión, presentará unha moción non vinculante para reclamar precisamente a dimisión de Jácome como rexedor, e agora mesmo é unha incógnita o que votará o Partido Popular, que hoxe destacou que "moralmente" non pode "estar a acompañar" unha conxuntura así nin ser "cómplice".

Espéranse polo menos os votos a favor de PSOE, BNG, Ciudadanos e dos catro edís críticos --o quinto, Mario González, dimitiu a pasada semana, o que deu entrada no hemiciclo a Telmo Ucha, afín a Jácome--, co que se os populares deciden sumarse, o rexedor estaría acurralado, quedaría unicamente co apoio de Armando Ojea, recentemente nomeado tenente de alcalde --tras a renuncia temporal anunciada en bloque polo PP, e polo tanto, de Jorge Pumar, que ostentaba este posto-- e designado portavoz municipal --en substitución do díscolo Miguel Caride--, e do citado Telmo Ucha.

Polo momento, non se propuxo unha moción de censura. Neste caso, os concelleiros desconformes de DO non poderían votar a favor para alcanzar a maioría por formar parte da lista á que pertence o alcalde ---nin sequera axustándose como non adscritos--, situada en 14.

A única forma viable sería mediante un pacto entre PSOE --con 9 edís-- e PP --con 7, e esta opción non está enriba da mesa. É máis, de presentar unha moción de censura e non saír adiante, de forma automática o Goberno local pasaría a mans da lista máis votada, a dos socialistas.

CARIDE DECIDE MANTERSE PARA "QUITARLLE O BASTÓN DE MANDO A JÁCOME"

O líder dos concelleiros críticos con DO, Miguel Caride, explicou esta mañá que Jácome retiroulles as competencias a el mesmo e ao cofundador do partido, Manuel Álvarez, porque "sabía" que eles ían presentar " a renuncia", pero "a el gústalle anticiparse".

Sobre a estratexia do PP, Caride foi tallante: "Non nolas dá a nós nin as publica nas páxinas de transparencia... non lle vai a dar explicacións ao PP, é unha manifestación para deixar unha porta aberta".

Ao fío, preguntado por se os edís díscolos se ven integrados nun futuro no PP, os catro dixeron que "de momento" non o "ven" e defenderon que "o proxecto político" está "intacto", aínda que "as siglas sen Jácome" non terán "moita supervivencia" polas "tremendas irregularidades que hai aí dentro".

Por agora, dixeron estar "a pasalo moi mal" e co "ánimo polo chan", pero van "manter" o seu "asento no pleno para quitarlle o bastón de mando" ao actual rexedor porque "a cidade necesita que a goberne alguén con decencia".

"Pode ser un concelleiro do PP, de DO, do PSOE, de Ciudadanos ou do BNG, calquera persoa que poida acceder á Alcaldía desde logo vai ser infinitamente mellor alcalde que Gonzalo Pérez Jácome". "A cidade necesita un temón, porque con este delirio non se pode continuar", concluíu.

A LISTA MÁIS VOTADA

O PSOE de Ourense afirmou que "todo isto responde a unha estratexia perfectamente calculada e planificada polo PP" co fin de "facerse co goberno da cidade e da provincia", e considera que a solución pasa por que sexan os socialistas, como a lista máis votada, quen ostenten o control do Concello.

Así o referiu o portavoz municipal do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, quen deixou claro que o pacto entre PP e DO tras as eleccións municipais do 2019 era "falso" e que "tiñan escenificado o momento de rompelo xusto despois das eleccións autonómicas".

"Fan parecer que é unha lea interna dentro de DO para pór en cuestión a Alcaldía e tratar de ascender a ela, unha teatralización do PP", abundou Villarino, quen relacionou esta estratexia co ocorrido hoxe: "Só lles faltou dicir 'renuncia simulada'... das súas competencias municipais, ou se renuncia ou non se renuncia".

Finalmente,rexeitou rotundamente "un goberno co PP, e menos cun PP que corrompeu por completo a provincia e a cidade". "Se o PP quere apoiar un goberno en solitario do PSOE é unha cousa diferente", engadiu.

DIMISIÓN

O BNG, que presentará no pleno extraordnario do próximo venres unha moción "simbólica" para que Jácome dimita, centrou as responsabilidades da inestable situación no Concello ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, "quen deseña a estratexia", e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "o que lle dá a súa bendición".

O portavoz nacionalista, Luís Seara, acusou o PP de estar detrás de todo, porque "estalou" despois das galegas e agora "Baltar solicita aos grupos (municipais) certificacións de como se gastan o diñeiro que reciben de asignacións a grupo".

"Xa o dixen nun pleno, Jácome é un xoguete nas mans do PP, no momento no que deixase de ser funcional, botaríano aos cans como está a suceder", reiterou, para reclamar unha "rexeneración total da institución", que pasaría por unha "alternativa de goberno".

ENTENDEMENTO

Ciudadanos, pola súa banda, aposta por un entendemento entre PP e PSOE para sacar á cidade do "bordo do abismo". José Araújo, portavoz da formación laranxa, abundou que "quen teñen que ter altura de miras para solucionar este problema son o PP e o PSOE" porque "son os que conseguen sumar para que as cousas cambien", unha vía rexeitada polos propios socialistas.

Araújo, do mesmo xeito, culpou os populares --partido no que militaba como edil na anterior Corporación-- da conxuntura actual: "Foi o PP quen meteu á cidade neste problema e son eles os que teñen que axudar á cidade a saír del". Ademais, apelou ao PSOE para que teña "capacidade para entender que hai que buscar unha alternativa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 CastelaoPaSogama

Paripé do PP ao que Baltar non consiente romper de verdade o pacto porque sen o apoio de Jácome perdería a Deputación.

1 Casti

Absoluta claridade de expresión, o de CAstelaopasogama é de primaria. Canta escoliña fai falta...

2 paletismo ilustrado¡¡¡¡

Ourense é un territorio extraordinario é moi triste ver como a podredume se extende por ela nistes 40 anos de "democracia". .... co beneplácito dos cidadáns...

1 Sentidiño

O do PP é de traca: renuncian "temporalmente" ás súas responsabilidades no goberno municipal, pero non piden a demisión de Jácome.