BNG e PSdeG urxen medidas "concretas"para o inicio do curso escolar e o PPdeG nega "improvisación"

Os 'populares' argúen que a situación "cambiante" da pandemia obriga a "adaptarse" de forma continua.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/09/2020 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG urxiron este martes á Xunta a activar medidas e protocolos claros ante o arranque inmediato do curso escolar. Pola súa banda, o PPdeG negou "improvisación" e advertiu de que a situación "cambiante" da pandemia obriga a "adaptarse" de forma continua.

Patio dun colexio pechado
Patio dun colexio pechado | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

A líder do BNG, Ana Pontón, subliñou a preocupación das familias polo inicio do curso. "Miles de pais e nais están preocupadas ante a perspectiva de que os seus fillos e fillas van cruzar a porta de colexios e institutos mentres o Goberno só ofrece improvisación, bandazos e falta de protocolos claros a pesar de ter desde o 14 de marzo para preparar a volta ás aulas", salientou.

Pontón considera que esta improvisación "deixa espido" a Feijóo, que, baixo o seu punto de vista "está a demostrar incapacidade para liderar a resposta a esta crise, anticiparse e dar respostas claras" ante unha cidadanía expectante por unha pandemia que segue sendo "unha ameaza para a saúde".

A portavoz nacional do Bloque ve incomprensible que entre as "grandes medidas" figure escoitar o consello escolar "24 horas antes de empezar o curso ou que medidas que se anuncian un día ao seguinte suprímense". "Pedimos moito máis que titulares, pedimos medidas concretas e desde o BNG temos propostas para facer máis segura a volta aos centros nun curso que non vai ser convencional", recalcou.

Como propostas, expuxo varias cuestións: reducir os cocientes por aula, contratar máis profesores porque "haberá que habilitar máis aulas e mesmo dobrar quendas e habilitar un fondo extraordinario para garantir o servizo de comedor, de madrugadores e as actividades extraescolares a todo o alumnado", e dar unha resposta de conciliación aos proxenitores para aqueles casos nos que a pandemia obrigue a que os seus fillos teñan que estar en corentena por mor dun brote.

EMPEZAR "CON TODAS AS GARANTÍAS POSIBLES"

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu á Xunta que "non pase un minuto máis" sen pór en marcha todas as medidas necesarias para programar un inicio do curso escolar "con todas as garantías posibles" para os menores, as familias e a comunidade educativa na súa totalidade.

"Pasaron dous meses desde as eleccións, e a Xunta ten que porse a traballar e a tomar decisións", destacou Gonzalo Caballero, quen subliñou que hai cuestións "urxentes" en materia educativa, sanitaria, social e económica.

No que respecta á volta ás aulas, criticou que "a Xunta non fixo os deberes nestes meses", ata o punto de que hoxe "aínda non se sabe cantos profesores se contrataron de maneira adicional para reforzar o inicio do curso escolar nin sobre o resultado dos seus PCR".

"Todos os pais e nais estamos moi preocupados porque Galicia é das comunidades que menos fixeron, xunto con Madrid", manifestou Caballero, moi crítico con que Galicia estea "á cola da acción necesaria" para dar "garantías" á volta ao colexio.

O PPDEG REXEITA "IMPROVISACIÓN"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu a actuación da Xunta e subliñou que a pandemia pon sobre a mesa "momentos moi complicados de xestionar" posto que dá lugar a unha situación "cambiante".

Por iso, apelou a "non confundir" unha reacción para adaptarse coa "improvisación". A modo de exemplo, apuntou que a propia comunidade científica está a adaptarse con cuestións como o adianto temporal no esparexemento do virus.

"Esta situación cambiante require esforzos e aplicar os coñecementos que temos. Tamén no que respecta aos protocolos do curso", esgrimiu, antes de incidir en que as circunstancias non son habituais e, de feito, a incidencia é diferente en función da zona, xa que hai cidades e comarcas "máis afectadas pola expansión do virus".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta