A oposición inicia a XI Lexislatura con vontade "construtiva" e peticións como investigar as residencias

Puy (PP) reafirma a necesidade de alcanzar pactos "en momentos difíciles" como demandou o presidente do Parlamento no seu discurso

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/09/2020 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

PSdeG e BNG arrincan a XI Lexislatura con vontade "construtiva" e de achegar "solucións" nun contexto marcado pola pandemia, así como con peticións ligadas coa situación sanitaria e outras perspectivas como a social, xa que ambas as formacións mostráronse partidarias de que na Cámara se active unha comisión que investigue o sucedido nas residencias de maiores, que sufriron con dureza o impacto da COVID.

Alberto Núñez Feijóo, na sesión de investidura no Parlamento de Galicia.
Alberto Núñez Feijóo, na sesión de investidura no Parlamento de Galicia.

Tras a sesión solemne de apertura da XI Lexislatura, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que traballará para que "máis que nunca o Parlamento se converta no centro da vida polícia, unha cámara na que a cidadanía se senta representada e lle achegue solucións aos problemas que atravesan as súas vidas".

"Este vai ser o empeño dos 19 deputados e deputadas do BNG, achegar solucións a miles de galegos preocupados polo seu emprego, por que non saben se poderán manter en pé o seu negocio, pola saúde ou polo inicio do curso escolar", remarcou, antes de esgrimir que, para iso, "hai que aspirar a moito máis que a relatos idílicos", en relación ao discurso pronunciado polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.

E máis, criticou "presumir de autogoberno tras dez anos sen que o Executivo de Feijóo lograse nin unha soa competencia". "Galicia merécese moito máis", aseverou Pontón.

Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou a vontade "construtiva" dos socialistas ante este mandato, e engadiu que tamén combaterán "os recortes" da Xunta. Así mesmo, na mesma xornada na que se disparou o número de contaxios na residencia de Outeiro de Rei (Lugo), Caballero insistiu en que os socialistas están "moi preocupados" pola situación destes centros.

Neste sentido, aproveitou para pedir a Feijóo que "asuma a necesidade imperiosa" de abrir unha comisión de investigación sobre o que sucedeu nestes centros durante a primeira onda da COVID-19. "É unha débeda con Galicia deste Parlamento", dixo Caballero, para quen vetar a activación deste órgano sería "un erro".

PACTOS

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou o discurso de Santalices e a súa apelación ao acordo, antes de ratificar a necesidade de "pactos amplos en momentos difíciles" como os que determina a pandemia.

Finalmente, aludiu á "gran responsabilidade" que teñen os cargos públicos nunha lexislatura na que será clave que os servizos públicos sigan funcionando adecuadamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta