Os centros de menores denuncian a "ausencia" dun protocolo anticovid a uns días do comezo do curso

Os sindicatos critican a "irresponsabilidade" da Xunta por non facer PCR a internos e persoal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

As alertas de pais, nais e profesionais a respecto do inicio do curso escolar sucédense e chegan máis alá das propias escolas no sentido tradicional. A última denuncia a respecto da "irresponsabilidade" da Xunta vén de xurdir dos centros de menores, que critican a "ausencia" dun protocolo de actuación en caso de darse un gromo nas súas instalacións.

Fundación Casa de Caridad de Vigo-Hogar de San José, un centro de menores tutelado pola Xunta
Fundación Casa de Caridad de Vigo-Hogar de San José, un centro de menores tutelado pola Xunta | Fonte: publico.es

Así o destaca a CIG Autonómica nun comunicado no que carga contra a Xunta con motivo dos centros de menores dependentes da Consellería de Política Social. Segundo se destaca no texto, e a diferencia das escolas convencionais, "ante o inminente comezo da actividade escolar" estes centros seguen sen dispoñer dunhas indicacións a respecto de como responder ante un positivo por covid-19, ben sexa entre internos ou persoal.

Por riba, e sempre segundo a denuncia do sindicato, a Xunta estaría a negar a posibilidade de realizar probas PCR tanto ós menores como ó persoal do centro. A CIG destaca, neste aspecto, a necesidade de "protexer" a un colectivo "vulnerable" como son os menores xusto no momento en que se están a dar máis saídas do centro, aumentando o hipotético risco de contaxio. "Non se fan probas PCR nin ao persoal que regresa de vacacións ou de baixas laborais nin ás cativas internas que saen de permisos a diario ou en permisos vacacionais coas súas familias".

"IMPROVISACIÓN"

Fronte a esta situación, a CIG Autonómica reclama poñer fin a este estado de "improvisación" cun cribado masivo de probas PCR que, á parte, iría acompañado de material de protección "axeitado", entre o que se contarían as máscaras FFP2. Sobre todo, o sindicato esixe un protocolo de actuación ante a reincorporación da rapazada ós centros, que xa ameaza con disparar os contaxios rexistrados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta