Outra xornada negra con catro mortos nas últimas horas polo coronavirus

Dous falecidos en hospitais e outros dous en residencias elevan a 668 as vítimas da COVID en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Dous falecidos en hospitais galegos e dúas mortes producidas en residencias de maiores elevaron ata 668 as vítimas mortais relacionadas coa COVID-19 en Galicia.

Segundo a información proporcionada pola Consellería de Sanidade, os falecidos en atención hospitalaria son dous homes de 81 e 71 anos, ambos con patoloxías previas, que se atopaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Por outra banda, informouse de dous novos falecementos ocorridos en residencias, un interno infectado na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, e outro na residencia do Incio.

As mortes con COVID-19 foron subindo nas últimas semanas, co aumento dos brotes e os contaxios en Galicia. Desde a 'nova normalidade' notificáronse un total de 49 decesos, o primeiro deles, o dunha muller o pasado 7 de agosto en Ourense. Antes diso, o país encadeara case dous meses --desde o 10 de xuño-- sen falecementos.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta