O PSdG urxe a Feijóo medidas para as residencias ou "terá que cambiar" á conselleira de Política Social

"Máis de 150 contaxios na residencia de Outeiro e falecementos en tantas residencias están exemplificando que hai moitos problemas", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu este mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que, se non toma xa medidas para reforzar a seguridade nas residencias de maiores fronte á pandemia, "terá que cambiar" á conselleira de Política Social, Fabiola García.

"Cada día que pasa vemos como nas residencias de maiores de Galicia hai máis contaxios e situacións altamente preocupantes", advertiu, en declaracións aos medios en Santiago, onde sinalou que os datos dos casos positivos nos xeriátricos do Incio e Outeiro de Rei son "alarmantes" e para "botarse as mans á cabeza".

Baixo o seu punto de vista, "non pode ser que seis meses despois do inicio da pandemia estea a verse como na residencia de DomusVi en Outeiro practicamente parece que todo aquel que estaba na residencia está contaxiado", ademais dos falecementos que se están rexistrando en varios centros xeriátricos galegos.

Así, advertiu ao presidente galego que "ou toma todas as decisións necesarias ou terá que acabar cambiando á conselleira de Política Social", Fabiola García, que "non establece as garantías de seguridade" suficientes para os maiores que viven nas residencias.

"Máis de 150 contaxios na residencia de Outeiro e falecementos en tantas residencias están exemplificando que hai moitos problemas. E sabémolo porque traballadores destes centros trasladaron que os protocolos tiñan debilidades e deficiencias, e hai que corrixilas a tempo", apelou.

"É tarde se a única solución que ten a Xunta é intervir unha residencia con 150 contaxios. Hai que actuar xa para todas as residencias de maiores con protocolos, con fortalecemento do persoal e mecanismos de relación co sistema sanitario. Exercitando as competencias que o Estatuto dá en materia de maiores á Xunta", resolveu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. Foto de arquivo.. PSDEG - Arquivo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. Foto de arquivo.. PSDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta