Caride acusa a Pérez Jácome de "personaxe deleznable" e cualifica as palabras do alcalde ourensán como un "conto"

O líder dos concelleiros críticos co alcalde de Ourense manifestou sentirse "realmente avergoñado de caer na súa trampa": "Enganou a 12.000 votantes, á súa propia xente, aos socios de goberno, a todo o mundo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Miguel Caride, o líder dos concelleiros críticos co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (DO), rexeitou a versión achegada esta mañá polo rexedor sobre a crise interna dentro do partido Democracia Ourensá, por mor de presuntas irregularidades orzamentarias, tachándoa de "conto chinés" e cualificou ao rexedor de "personaxe deleznable".

O que era ata hai unhas semanas a man dereita de Jácome matizou que o alcalde "non desmentiu nada, senón que ata en tres momentos recoñeceu que o diñeiro que recibe DO desvíao á súa televisión privada (Auria TV)", na mesma rolda de prensa na que acusou ao PP de terlle preparado "un golpe de estado" e de comprar " ao propio Caride".

"É un personaxe deleznable e o que temos que facer é tratar de botalo", abundou o tamén exportavoz municipal da formación, quen expresou que tanto el como o resto de críticos que denunciaron en Fiscalía as presuntas ilegalidades na xestión de fondos do partido continuarán, "como mínimo, ata atopar unha solución" e á espera de que sexa Jácome quen dimita.

Caride insistiu en que o alcalde debe ofrecer explicacións sobre "se hai ou non desviación de fondos públicos á súa empresa privada" e sobre "cal é a situación cos asesores" --tras ser acusado de reclamarlle parte do seu soldo a estes para financiar o partido-- porque o que fixo esta mañá, reiterou, é contar unha "historia que parece 'As crónicas de Narnia' dentro do seu mundo onírico, non crible".

"O tema é moi serio, isto non é ningún xogo de tronos, e eses discursos infantís, de barra de bar e de contos chineses supoño que haberá xente que os comprará, porque sempre a hai", manifestou, "pero calquera persoa sensata non creo que poida comprar unha mensaxe infestada de bobadas porque non dixo máis que bobadas".

O PACTO TAMÉN ROMPE NA DEPUTACIÓN

Sobre o anuncio de Jácome de retirarlle o apoio ao PP na Deputación de Ourense --despois de que os populares rompesen "temporalmente" a alianza PP-DO no Concello--, empezando pola orde de votar en contra dos orzamentos que levarán a pleno este mes, Caride foi firme: "O PP dixo que suspendía temporalmente o pacto mentres Jácome non aclarase o que ten que aclarar, como el non quere aclarar nin deixar o posto, quere dinamitar o pacto empezando pola Diputacion".

Caride, que onte cualificou de "tremendamente inxusto" que as desavinzas no Consistorio salpicasen á institución supramunicipal, subliñou que Jácome "non pode trasladar unha segunda crise á Deputación" porque "o que se moveu, o que incumpriu, o que puxo en perigo a estabilidade da cidade e o pacto foi el".

Ademais reprochoulle a Jácome que estea a buscar "outras alternativas para seguir ancorándose a un posto no que xa ninguén o quere: nin os seus, nin os socios, nin a oposición, nin os funcionarios, nin os medios, nin as asociacións veciñais, nin as empresas...".

Por iso, os críticos non pensan en deixar o seu asento e insisten en que sexa o alcalde o que dea un paso atrás, xa que está a propiciar "unha situación anómala, sen pés nin cabeza", ao ter que gobernar en minoría co apoio dun só edil, Armando Ojea.

Todo á espera de que se faga efectiva a baixa de Mario González, exconcelleiro de Cultura que deixou o seu escano, e entre Telmo Ucha, afín ao alcalde e o que iso leva: ambos débense repartir as 12 áreas tras retirarlle Jácome as competencias a dous edís e despois de que outros dous de DO e os populares as reiterasen no día de onte.

"Nós o que non imos facer é irnos xa para que o noso posto sexa cuberto por outras persoas afíns a el e que no canto de ser dúas sexan sete en minoría, con xente que se siga encartando ás veleidades e ás excentricidades dun alcalde que ademais non é transparente", destacou.

Finalmente, en nome de todos os remisos a Jácome, Caride manifestou sentirse "realmente avergoñado de caer na súa trampa": "Enganou a 12.000 votantes, á súa propia xente, aos socios de goberno, a todo o mundo", sentenciou.

Miguel Caride
Miguel Caride | Fonte: Ourense.gal

REACCIÓNS DOS OUTROS PARTIDOS

O portavoz do PSOE local, Rodríguez Villarino centra as responsabilidades desta conxuntura no PP, e concretamente no presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e no seu homónimo na Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por amparar un "matrimonio de conveniencia" con "data de caducidade: ao pasar as eleccións autonómicas".

Pola súa banda, o BNG --con dous edís--, tras escoitar a rolda de prensa desta mañá de Jácome, na que acusou á súa exsocio de Goberno, ao PP, de tentar facerlle "un golpe de estado" e de "comprar" ao seu exnúmero dous, Miguel Caride, describiu o panorama como "verdadeiramente preocupante e grave": "Non sabemos moi ben se se refería a Ourense ou a Sicilia".

Ciudadanos, con dous concelleiros tamén, continúa "coa mesma idea" e cre que Jácome "falaba coa intención de ameazar" aos "exsocios de Goberno", aínda que, precisaron, descoñecen "se isto vai facer que eles non tomen a decisión adecuada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 José

Baltar prepara a batalla da sucesión de Feijoo. Conservará a deputación, recuperará a alcaldía e, con ese bagaxe e cos recentes de Viana, San Xoán de Río ou Castrelo do Miño, irá dando pasos cara Compostela. Non tardarán en asomar as navallas no PPdG...

1 Rui do

Baltar tiene tantas posibilidades de suceder a Feijóo como de subir a la luna pasado mañana. Su mundo termina en Orense.Simplemente trata de conservar la diputación como sea ya que está a un pelo de perderla.