Reaccións inicio escolar: Pontón censura "os bandazos" da Xunta

O goberno galego fará cambios na cúpula da Consellería de Educación. A líder frontista pregúntase "que estivo a facer" Feijóo no últimos seis meses e demanda un "investimento extraordinario" en educación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2020 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou a "improvisación e os bandazos continuos" por parte da Xunta á hora de afrontar o inicio dun curso escolar que, ao seu xuízo, foi planificado "coma se non houbese pandemia".

En declaracións aos medios ás portas do Parlamento de Galicia este xoves, mañá na que os escolares de infantil e primaria volveron ás aulas medio ano despois, Pontón preguntouse "que estivo a facer" o executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo "nos últimos seis meses".

"A Xunta tivo desde o 14 de marzo para preparar a volta ao colexio pero non foi capaz de facelo coa claridade, os medios e os recursos suficientes", indicou a líder frontista, que lamentou que "as normas" ditadas pola Consellería de Educación "cambien cada día".

"Isto non é serio e demostra que ao Goberno galego quedalle grande a xestión desta pandemia. Non están a pór os medios e os recursos suficientes para garantir unha volta ao colexio segura", incidiu Pontón, que acusa á Xunta de "considerar" que o regreso ás aulas "poida producirse coma se non houbese covid".

Para Pontón, é "evidente" que se a Administración autonómica realizase "ben" a planificación do arranque do curso "hoxe terían localizado os espazos alternativos que poderían usarse para duplicar aulas". "Non se que estivo a facer a Xunta durante este seis meses", incidiu a portavoz nacional do Bloque, que cre que "falta vontade política" para adoptar as decisións necesarias no que identifica como "un problema de xestión" por parte da Xunta no exercicio das súas competencias en Educación.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo

CAMBIOS CONSELLERÍA EDUCACIÓN

O Goberno galego adoptou varias decisións para a área de Educación, que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, decidiu volver a reagrupar con Cultura e situar baixo as ordes de Román Rodríguez. Entre as novidades está a creación dun comité educativo de expertos para asesorar ao Executivo no marco da pandemia, pero tamén a substitución de tres cargos crave na cúpula da Consellería.

Así, Feijóo anunciou o cesamento de Manuel Corredoira, José Manuel Pinal e Jesús Oitavén, a quen agradeceu os servizos prestados desde hai "moitos anos" --nalgún caso máis dunha década-- no equipo directivo de Educación. Corredoira estaba á fronte, desde 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Un cargo que agora pasará a ocupar José Luís Mira Lema.

Pinal exercía como director xeral de Centros e de Recursos Humanos da Consellería de Educación desde o ano 2009, e o seu cargo pasará a mans de Jesús Álvarez Bértolo; mentres que das responsabilidades que deixa Jesús Oitavén, secretario xeral de Educación desde 2010, ocuparase agora Manuel Vila.

En canto ao comité educativo que asesorará á Xunta, o presidente explicou que contribuirá a axudar ao seu Executivo na toma de decisións que, deu por feito, haberá que "improvisar" ao longo dun curso marcado pola pandemia. Neste comité estarán representantes da comunidade educativa e tamén expertos da comisión clínica que traballa co Executivo autonómico desde o inicio da pandemia.

SÁNCHEZ BUGALLO

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou este xoves a súa "satisfacción" pola "tranquilidade absoluta" coa que se levou a cabo a volta ás aulas de Primaria na cidade, nas que destacou o funcionamento de madrugadores e comedores para os alumnos.

"Todos os centros educativos abriron e en todos estaban os servizos dispoñibles", dixo, en declaracións aos medios, ante os que tamén admitiu que os datos de asistencia de alumnos foron "diferentes" segundo o centro, dado que o primeiro día de clase coincidiu cunha xornada de folga. En todo caso, tanto nos centros que apoiaron a folga como nos que tivo menos incidencia, destacou o alcalde, houbo "tranquilidade absoluta" e os programas de madrugadores e comedores "funcionaron ben".

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que a Xunta e a Consellería de Educación "non tomaron ningunha decisión importante" para o inicio do curso escolar, que comezou hoxe "sen que houbese ningunha contratación extraordinaria de profesorado para reforzar e baixar o cociente de alumnos por aula", sen "un plan de dixitalización potente" e "sen que se establecesen medidas para ter máis espazos nos colexios".

Así o manifestou esta mañá nunha visita a Ourense, onde se mostrou "preocupado e sorprendido", do mesmo xeito que "todos os pais", de ver "como hoxe se inicia o curso" sen que se garantiran os "comedores en toda Galicia", con "problemas en actividades extraescolares, en aulas madrugadoras, en protocolos de chegadas...", abundou Caballero.

A Xunta "non fixo os deberes nin coa conselleira que había nin co novo conselleiro de Educación", expresou o líder socialista, á vez que fixo un "chamamento" para que se poidan establecer canto antes as medidas oportunas, aínda que sexa "tarde e mal", xa que "Galicia está na cola das comunidades, xunto a Madrid, pola inacción, o deixamento e a falta de xestión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Riolo

Pontona, ponte a traballar. Esta é unha boa oportunidade para coñecer o teu amor polos galegos sen gañar 6.000 ao mes.

1 Sentidiño

Sei eu duns/dunhas trinta e cinco deputad@s máis ou menos que gañan iso e ninguén @s coñece: grupo parlamentario popular, chámanlles, seica...