Novas medidas para as residencias: cribado cada 15 días ao persoal, inspección e visitas a pesar de restricións

Para as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e realizaráselles unha avaliación para detectar posibles síntomas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2020 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves unha batería de medidas para as residencias de maiores, que sufriron con especial intensidade o impacto da pandemia, así como dos centros de discapacidade. Entre as propostas, anunciou que, cada 15 días, farase un cribado "ao 100%" dos traballadores destes centros, tanto no caso dos públicos como dos privados.

Entre os pasos acordados na reunión do comité clínico da pasada xornada, validados polo primeiro Consello da Xunta no que se adoptaron acordos neste mandato, está tamén a intención de facer mostraxes aleatorias entre os usuarios de residencias que non teñan ningún síntoma, co fin de tentar "anticiparse" á posibilidade de que haxa algún posible contaxio.

Así mesmo, tras a avaliación do comité clínico, o Goberno galego decidiu articular un protocolo --que se fará público e entrará en vigor a principios da semana que vén-- para que poida haber visitas nos centros xeriátricos a pesar de que estes estean situados nas localidades nas que se deran máis restricións pola súa situación epidemiolóxica.

O presidente galego explicou que os expertos sanitarios aconsellan permitir as visitas (aínda que sexa reforzando o control) polo benestar dos usuarios das residencias. Pero haberá condicións e o documento fixará o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.

Por exemplo, para as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e realizaráselles unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar distancias e usar máscara. Se é posible, ademais, a visita terá lugar nunha zona aberta e axardinada. Cando non sexa factible, habilitarase unha sala específica preto da entrada, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída.

SAÍDAS DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Reunión do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Reunión do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Este mesmo protocolo recollerá que as persoas con discapacidade que realizan habitualmente saídas durante o fin de semana ao domicilio familiar poidan seguir facéndoo, aínda que se lles fará un test cando volvan ao centro.

Na mesma liña, nos centros residenciais permitirase a presenza dos familiares e as especiais necesidades do paciente naqueles casos nos que se atopen ao final das súas vidas e cun desenlace inminente.

Os CENTROS DE DÍA, ABERTOS

Entre outros cambios, Feijóo explicou que tamén se articularán unhas instrucións para "manter abertos" os centros de día aínda que nos municipios nos que estean situados haxa restricións máis duras.

"Onte en Pontevedra xa non adoptamos a decisión de pechar os centros de día", ha ejemplificado Feijóo.

PLAN DE INSPECCIÓN

Así mesmo, anunciou un plan de inspección conxunta das áreas de Servizos Sociais e Sanidade para revisar a situación de todas as residencias da terceira idade en Galicia.

A inspección empezará naquelas que teñen máis dun centenar de usuarios, e estenderase aos centros nos que residen usuarios con discapacidade.

UNHA SEGUNDA ONDA DA PANDEMIA QUE SE "ANTICIPA"

Na súa intervención, Feijóo manifestou que a porcentaxe de usuarios infectados nos centros residenciais é mínimo en relación ao conxunto total, pero admitiu que "preocupa" cando a incidencia do virus se concentra --como ocorreu, por exemplo, nas residencias do Incio e Outeiro de Rei--.

En termos xerais, pediu pór en relación o número de activos e o incremento de contactos coa porcentaxe de persoas hospitalizadas e en UCI, moi por baixo do que se computaba na primeira onda da pandemia.

Agora, remarcou que Galicia vive "unha segunda onda" e precisou que "empezou antes do previsto --os expertos prevíana para finais de setembro ou principios de outubro--. Así, aínda que apelou á precaución, insistiu en que o feito de que se realicen máis PCR e haxa máis diagnósticos é positivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta