A Xunta quéixase a Fomento de que Renfe manteña a supresión de trens que anulou no estado de alarma

A conselleira de Infraestruturas trasladou que "o déficit" en infraestruturas e servizos de tren da comunidade "está a verse progresivamente agravado", algo que impide aos cidadáns "o exercio do seu dereito á mobilidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2020 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

A Xunta advertiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do "forte impacto negativo" que ten na poboación e na economía de Galicia a prolongación no tempo da supresión dos servizos ferroviarios anulados durante o estado de alarma.

A conselleira, na reunión co ministerio. CONCHI PAZ
A conselleira, na reunión co ministerio. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Na conferencia nacional de transportes, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladou que "o déficit" en infraestruturas e servizos de tren da comunidade "está a verse progresivamente agravado", algo que "mingua a competitividade" do territorio galego e impide aos cidadáns "o exercicio efectivo do seu dereito á mobilidade".

As razóns de baixa demanda que alega Renfe para manter esta supresión de servizos "non poden ser aceptadas desde Galicia", segundo advertiu Ethel Vázquez, quen apelou ás obrigacións de servizo público da operadora e demandou transparencia neste ámbito.

ESTRATEXIA DE MOBILIDADE SEGURA

Na reunión, por videoconferencia, Ábalos anunciou a creación dun sistema nacional de mobilidade para priorizar os investimentos produtivos.

Respecto diso, a conselleira reclamou que a planificación "teña en conta as diferentes realidades territoriais de España e, en consecuencia, as peculiaridades do territorio galego, como a dispersión, o envellecemento da poboación e a súa situación xeograficamente periférica".

"Galicia comparte a necesidade de planificar con rigor e priorizar os investimentos en infraestruturas do transporte, pero sempre atendendo a razóns de equilibrio, que eviten agravios territoriais e garantan a igualdade de oportunidades para as rexións periféricas como a galega ou para a chamada España baleira", afirma Infraestruturas.

A AP-9

Ademais, Vázquez aludiu á situación xa "moi agraviada" de Galicia pola situación da AP-9, que "debe ser abordada tamén á marxe da elaboración da estratexia e a lei de mobilidade estatal".

En canto ao financiamento do transporte, a Xunta considera "necesario" abordar o financiamento do transporte público colectivo de viaxeiros, "non só o urbano".

A conselleira apuntou así á necesidade de dotar de servizos de transporte público con "unha gran capilaridade", e admitiu "niveis de demanda moi baixos" e "consecuentemente" unha rendibilidade "significativamente" inferior á media.

"Isto deriva en que o transporte interurbano de Galicia precisa dun importante volume de achegas económicas por parte da Xunta para poder cubrir as necesidades de mobilidade da cidadanía", destaca a consellería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta