Reunións familiares e de amigos e lugares de ocio e traballo, orixe principal da segunda onda de Covid-19

Os novos gromos “mostran que o aumento da mobilidade está asociado a un aumento da circulación do virus en España”, advirten expertos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, do Ministerio de Sanidade, que describen como se orixinou esta segunda onda.

Por Alberto Quian | Madrid | 11/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tras o fin do estado de alarma en España pola pandemia causada polo coronavirus SARS-CoV-2, o número de gromos de Covid-19 detectados foi aumentando rapidamente ao longo do verán. Isto, segundo expertos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), do Ministerio de Sanidade, “mostra en parte os grandes esforzos que están a facer as autoridades locais e autonómicas na detección temperá de casos e rastrexo de contactos, cunha capacidade de detección de casos moito maior” que durante a primeira onda. “Con todo”, matizan, “tamén mostra que o aumento da mobilidade está asociado a un aumento da circulación do virus en España”.

Entrada do pub Buddha, en Sanxenxo, en plena pandemia
Entrada do pub Buddha, en Sanxenxo, en plena pandemia | Fonte: Iago Codesido.

A advertencia –publicada nun estudo na revista científica Eurosurveillance (editada polo Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades)– asínana 71 expertos do grupo nacional de vixilancia de gromos de Covid-19 do CCAES, incluídos Ana Isabel González Villar, Olaia Pérez Martínez e Isabel Losada Castillo, do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia).

Os científicos lembran que desde mediados de xuño –o fin do estado de alarma chegou o 21 dese mes, tras un proceso de desescalada– ata o 2 de agosto, excluíndo os gromos dun só fogar, notificáronse 673 en toda España (551 activos), dos cales máis da metade destes e dos casos positivos rexistrados “coincidiron con contornas sociais (reunións familiares e de amigos, ou lugares de lecer) e laborais (que involucran principalmente a traballadores en condicións vulnerables)”.

GROMOS

A efectos de notificación, considérase gromo calquera agrupación de tres ou máis casos con infección activa nos que se estableceu un vínculo epidemiolóxico.

Ademais, establécense varias categorías de contornas onde se producen os gromos, segundo grupos de risco ou medidas a aplicar: centro sanitario, centro de coidados de longa duración, poboacións socialmente vulnerables como os inmigrantes que chegan a España en balsas ou vinculados a centros para solicitantes de asilo e refuxiados, contorna laboral, contorna social, gromos que afectan a familias que viven en fogares diferentes e gromos mixtos, onde a transmisión se trasladou, por exemplo, da contorna familiar a outros grupos de poboación ou viceversa.

Os gromos clasificáronse en activos (casos novos diagnosticados nos últimos 14 días), abertos (casos novos diagnosticados nos últimos 28 días) e pechados (sen casos novos nos últimos 28 días).

Todas as notificacións foron recompiladas nunha base de datos e analizadas diariamente no Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, onde todos os días se distribuíu un informe interno describindo as características demográficas e epidemiolóxicas dos brotes.

Os 673 gromos de Covid-19 rexistrados desde mediados de xuño ata o 2 de agosto afectaron a máis de 8.300 persoas. E destes, 551 brotes con máis de 6.200 casos estaban activos.

Ao redor do 76,6 % de todos os gromos notificados (516 de 673) foron “pequenos”, con 10 casos ou menos, e o 1,78 % (12 de 673) rexistrou máis de 100 contaxiados. Informáronse 282 ingresos hospitalarios vinculados a estes gromos, aínda que os expertos lembran que algúns deles non obedeceron a criterios clínicos, senón que se fixeron para illar a pacientes aos que non se podía garantir un illamento adecuado no domicilio.

Ademais, o número de novos gromos notificados cada semana aumentou exponencialmente.

PRINCIPAIS FOCOS

Houbo dúas contornas nas que se orixinaron máis do 55 % dos gromos activos (303 de 551) e máis do 60 % dos casos activos (3.815 de 6.208), ata o 2 de agosto.

Primeiro, destacan as contornas sociais, onde se rexistrou o 35% de todos os brotes activos ata entón. Entre estes, os expertos sinalan como os máis frecuentes os relacionados con reunións familiares ou festas privadas (112 brotes e 854 casos), seguidos dos vinculados a espazos de lecer como bares, restaurantes ou discotecas, con menos brotes (34), pero con máis casos, ata 1.230 contaxiados.

Así, os investigadores constataron “un grande aumento de brotes vinculados a contornas sociais durante as semanas incluídas no período de estudo”.

O segundo foco principal foron os espazos laborais, que representaron o 20 % de todos os brotes activos (110 de 551). Entre estes, “os gromos relacionados con traballadores do sector hortofrutícola en condicións que os fan potencialmente vulnerables á Covid-19 foron os máis frecuentes, con 31 activos identificados e ao redor de 500 casos”, subliñan os autores do estudo.

Sinalan tamén os traballadores de matadoiros ou plantas de procesamento de carne como o segundo grupo máis afectado, con polo menos 12 gromos e ao redor de 360 casos identificados.

Outro dato que destacan é que ao redor do 17 % de todos os gromos activos producíronse en contornas mixtas. Aínda que menos frecuentes, outros gromos relevantes relacionáronse con centros de coidados de longa duración como as residencias (7 %) e os centros de saúde (3 %), e aqueles que involucraron outros grupos socialmente vulnerables (6 %).

Finalmente, indican que os gromos que afectaron a varios fogares familiares onde non se identificou un evento social específico representaron o 9 % de todos os gromos. “A proporción real de gromos en contornas familiares foi certamente maior, tendo en conta que os gromos que afectaban a un só fogar non eran notificables a nivel nacional”, explican.

MEDIDAS DE SEGUIMENTO E CONTROL

Con estes datos, os expertos cren necesario orientar os esforzos de prevención cara ás reunións familiares e de amigos e lugares de lecer –“onde a falta de cumprimento das medidas de prevención e distanciamento físico constituíron un factor de risco importante, probablemente debido a unha percepción de risco baixa”–, así como aos “gromos entre traballadores en situación de vulnerabilidade”, apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 gan dul

Realmente xa non queda moito máis onde contaxiarse que eses lugares...