A nova conselleira de Emprego inicia os contactos cos axentes sociais coa vista posta no diálogo social

María Jesús Lorenzana mantivo encontros cos secretarios xerais da CIG, CC.OO., UGT Galicia e o portavez da CEG.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/09/2020 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo encontros este venres con axentes sociais de Galicia, para "convidalos ás próximas reunións do diálogo social que se iniciarán de forma inmediata".

Así o destaca o departamento autonómico nun comunicado de prensa no que indica que estas citas tamén serviron para avaliar a situación actual en materia de emprego e igualdade.

Os encontros con sindicatos e patronal supoñen "unha primeira toma de contacto" por parte da nova conselleira "para continuar colaborando en beneficio dos traballadores e das empresas".

SINDICATOS E PATRONAL

A titular de Emprego e Igualdade recibiu en primeiro lugar ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a continuación entrevistouse co seu homólogo de CC.OO., Ramón Sarmiento.

Despois foi a quenda do portavoz da CEG, Antonio Fontenla e tamén mantivo contacto telefónico co secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez.

A conselleira, que continuará nos próximos días esta rolda de contactos, destacou a "boa sintonía" entre a Xunta e os axentes sociais e mostrouse "disposta a proseguir nesa liña, especialmente en momentos delicados como os que se viven".

CEG

Pola súa banda, Fontenla trasladoulle á conselleira a "preocupación" dos empresarios galegos polo impacto da crise do coronavirus no emprego e a economía galega, segundo indica a CEG noutra nota.

Ademais, o representante da xunta de vicepresidentes da CEG puxo o acento na "necesidade de potenciar o diálogo social na comunidade autónoma".

Os empresarios galegos acolleron "con satisfacción a constitución deste novo departamento", xa que, ao seu xuízo, "denota a aposta clara do Goberno autonómico pola abordaxe das principais dificultades derivadas da situación provocada polo covid-19 en materia de emprego e igualdade, así como a elección do perfil da nova conselleira, amplamente coñecedora das mesmas".

Reunión da conselleira de Emprego co portavoz da CEG. XUNTA
Reunión da conselleira de Emprego co portavoz da CEG. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta