O BNG, "indignado" polo "desprezo" de Feijóo "aos veciños de Ourense" por non enviar a carta a Jácome que remitiu a outros alcaldes

O grupo municipal dos nacionalistas móstrase "sorprendido" e di que o presidente da Xunta "renega do alcalde da terceira cidade do país", investido polo PP.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/09/2020 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense mostrouse "sorprendido e moi indignado" ante o que denominan "o desprezo e falta de respecto" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "aos veciños" da cidade tras excluír ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, do envío de cartas aos rexedores das cidades galegas.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda).
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda).

En concreto, o recentemente reelixido como titular do Goberno autonómico dirixiuse a través de misivas tanto ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, como aos alcaldes de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo, para ofrecerlles a súa "colaboración" no inicio do seu cuarto mandato marcado pola pandemia da COVID-19. Con todo, non lle escribiu ao primeiro edil ourensán.

Para o BNG, "resulta moi curioso" como neste momento "o PPdeG e concretamente o señor Núñez Feijóo renega do alcalde da terceira cidade do país", que foi precisamente investido grazas a un acordo asinado cos populares para forxar unha coalición que terminou por romper esta mesma semana.

Non en balde, o feito de non enviarlle a carta como ao resto de rexedores de cidades é "un feito gravísimo", porque o presidente da Xunta "falta ao respecto a toda a veciñanza do Concello de Ourense". "Fáltalle ao respecto a algo máis de 105.000 galegos", aseveran os nacionalistas.

Con todo, o Bloque matiza que que isto "non é novo", porque xa o fixo "investindo a Jácome semanas despois de advertir publicamente de que sería letal para Ourense telo como alcalde".

Por este "feito gravísimo", o BNG de Ourense reclama á Xunta "unha inmediata rectificación" que, no entanto, "non cambiará a realidade que se acaba de constatar unha vez máis": "Para o BNG queda claro de novo que ao PPdeG nin lle preocupa Ourense nin os ourensáns, unicamente miran cara a esta cidade en base aos seus intereses de partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta