Anuncian a comparecendia de Román Rodríguez entre os "bandazos" do inicio de curso que denuncia a oposición

O portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, cualificou de "razoablemente satisfactorio" o inicio do curso escolar en educación infantil e primaria e valorou positivamente o traballo do conselleirod e Educación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2020 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG criticaron os "continuos bandazos" da Xunta na volta ás aulas, á vez que reclamaron "máis profesorado" para reducir o cociente entre persoal e alumnos e recursos para facer fronte á pandemia da covid-19.

Pola súa banda, o PP, que avanzou unha comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para dar conta sobre o inicio do curso, veo "razoablemente satisfactorio" en infantil e primaria e confía en que así sexa tamén en secundaria, bacharelato e FP.

En rolda de prensa este luns, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interpretou que a Consellería de Educación "está a demostrar a súa incapacidade para poder afrontar algo tan serio" polos seus plans que contemplan a colocación de biombos e a semipresencialidade, ademais do desdobre para garantir que se cumpra o metro e medio de seguridade. Isto é, ao seu xuízo, o "último exemplo" deses "bandazos".

Neste sentido, Pontón censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixese que "non podía haber 17 protocolos", un por cada comunidade autónoma, "e agora resulta que cada centro ten que apañarse por si mesmo".

En calquera caso, a líder nacionalista preguntou cal é " oplan B da consellería no caso de que haxa problemas e que haxa que suspender a presencialidade". "Tampouco ten plan B. O único que teñen é improvisación", concluíu.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu en que "agora falan de que hai que pór biombos, pero o que non queren é pór máis profesores para baixar o cociente". "É necesario apostar por unha contratación de persoal docente para o ensino público e concertado que permita iniciar o curso con máis garantías", subliñou o líder socialista.

Con todo, opina que "a Feijóo non lle gusta apostar polo público e ter un compromiso de contratación como se está facendo noutras comunidades".

Así, tamén en rolda de prensa, asegurou que Galicia está "á cola de contratación de persoal docente extraordinario" e agregou que "agora o conselleiro fala de colocar biombos porque non quere contratar máis docentes". "Ata 2.000 poderíanse contratar cos fondos do Goberno de España para a comunidade", chamou a atención.

Para Caballero, "a consellería dá leccións de escapismo da súa responsabilidade cando xa non hai ningunha dúbida de que todas as competencias están na Xunta". "Agora a responsabilidade trasládanlla aos centros", afirmou. "Cando o conselleiro di que dá liberdade aos centros, está a buscar unha escusa para non contratar máis e non facerse responsable do caos que está a implicar pola súa falta de medidas", profundou.

"CAMBIOS SOBRE O PACTADO"

Mentres, o portavoz do PP no Parlamento galego, Pedro Puy, cualificou de "razoablemente satisfactorio" o inicio do curso escolar en educación infantil e primaria e mostrouse confiado en que así será tamén cando se incorporen os alumnos de secundaria, bacharelato e formación profesional a partir do 23 de setembro.

A preguntas dos xornalistas, destacou o feito de que, segundo os datos achegados pola Consellería de Educación, "950 centros de Galicia abrisen sen incidencias", mentres que atribuíu as existentes en "doce" a "obras e outras cuestións".

"En liñas xerais, a situación é relativamente razoable" dixo ante un escenario que cualificou de "cambiante" polo contexto da pandemia e os distintos protocolos para afrontala.

Así, sobre os cambios nos protocolos, citou expresamente que "no acordo coas comunidades e o ministerio houbo cambios sobre o pactado", indicou en alusión á distancia de seguridade ou o uso dos biombos.

"Non é acusar a ninguén, é reflectir un feito real", remarcou Puy, para quen "todas estas cuestións fixeron que os propios centros demandasen o adiamento para adaptarse mellor".

O portavoz parlamentario do PP, que atribuíu o adiamento a unha decisión "consensuada", avanzou que o conselleiro comparecerá no Parlamento galego para dar conta sobre o inicio do curso escolar.

Con todo, non concretou unha data. Unicamente avanzou que haberá unha comparecencia xeral, como a pedida polos demais conselleiros para explicar os seus obxectivos neste mandato, e outra especifica sobre o inicio do curso escolar. "Para que haxa esa comparecencia ten que producirse ese inicio de curso", sentenciou ao ser preguntado a este respecto.

Fotos Xunta /Educación /Videoconferencia Atencion A Diversidade.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Educación /Videoconferencia Atencion A Diversidade.. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carla

O desta consellaría é o camarote dos irmáns Marx. Calqueira botellón entre colegas ten máis organización ca eles. Válame Deus!!!!