Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2020 | Actualizada ás 21:00
No momento máis duro para a creación cultural dos últimos anos. Esa foi a circunstancia escollida polos membros da asociación Afouteza para botar a andar un proxecto que promete achegar o seu gran de area para revitalizar a escea cultural da cidade da Coruña. A plataforma, constituída o pasado luns, nace cunha vontade clara: "reunir ao conxunto da comunidade cultural" e "procurar novas formas de producir arte".
O obxectivo tras estes cometidos, destacan dende a plataforma, é achar fórmulas que "permitan rachar as barreiras que impiden ao conxunto da cidadanía acceder á arte e cultura galegas". O camiño para chegar a este fin, apuntan os fundadores, non é outro que recuperar os actos culturais en lugares públicos, "como locais de restauración, ocio ou a propia rúa", así como explorar "outras vías máis innovadoras de facer chegar a arte á poboacióm", como serían os obradoiros.
A plataforma coruñesa, integrada na súa totalidade por persoas "que non sobrepasan a trintena" mira ó futuro coa vontade de "traballar con afouteza para facer da cultura galega
unha realidade viva e accesible para todas e todos". Nos vindeiros días anunciaranse as primeiras propostas do colectivo, asi como os lugares, espazos ou vías de celebración, sempre de acordo coas circunstancias que permita a situación sanitaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.