O BNG propón unha moción de censura contra Jácome e que goberne o PSdeG por ser "o máis votado"

Pontón responsabiliza a Feijóo e cre que o PP, como "parte do problema", "non pode ser parte da solución".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O BNG propón que os 24 edís que apoiaron o pasado venres unha iniciativa plenaria que esixía a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense presenten unha moción de censura para "desaloxar" ao rexedor do cargo e devolver á cidade "á casa de saída" para que goberne "a lista máis votada": a do Partido Socialista de Rafael Rodríguez Villarino.

Así o expuxeron a portavoz nacional da formación frontista, Ana Pontón, e o portavoz municipal, Luís Seara, este mércores en declaracións aos medios en Ourense, onde responsabilizaron ao líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da situación de "parálise" na que, din, está sumida a cidade "non desde os últimos dous anos" senón desde o inicio do mandato do popular Jesús Vázquez en 2016 cun goberno municipal que non logrou sacar adiante ningún orzamento.

Para Pontón, o PP ten que "favorecer" que Jácome "sexa desaloxado" da alcaldía pero "como parte do problema, non pode ser parte da solución", en alusión ao goberno que releve ao actual e que, para os nacionalistas, debe recaer nos socialistas por ser primeira forza nas eleccións municipais de maio de 2019.

"Calquera solución, incluso un goberno en minoría, sería infinitamente mellor que a dun goberno en descomposición", apuntou Seara, que considera primordial o obxectivo de que Jácome abandone a Alcaldía para "volver á casa de saída e que goberne quen tería que gobernar se non se fixo un pacto vergoñoso entre PP e Democracia Ourensá, que é o Partido Socialista".

"FEIJÓO NON PODE ELUDIR RESPONSABILIDES"

Segundo a portavoz nacional do Bloque, "está en mans" de Núñez Feijóo esta "solución", a "única viable" para "desbloquear a situación" na que está sumida a terceira cidade de Galicia, cuxos veciños "necesitan un goberno" nun contexto como o actual, marcado pola pandemia de coronavirus.

"Quen paga a incompetencia e os pactos escuros do PP son os veciños de Ourense", incidiu Pontón, que insistiu na necesidade de "facer algo" para pór fin a "unha situación excepcional" cun goberno local que conta nestes momentos con só dous apoios no pleno e que é consecuencia do feito de que os populares "antepuxesen os intereses partidistas" para "perpetuar a Baltar e o caciquismo na deputación e a cidade de Ourense".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta