Unanimidade no Parlamento para pedir ao Goberno central carga de traballo para Navantia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2020 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación no Parlamento galego, PPdeG, BNG e PSdeG, votaron a favor dunha iniciativa dos populares para que a Xunta se dirixa ao Goberno central "en demanda de carga de traballo para Navantia".

A proposición non de lei, que defendeu na comisión de industria o número dous do PP galego, Miguel Tellado, tamén reclama os "investimentos necesarios" para dispor dun "estaleiro 4.0" que permita a Navantia "seguir competindo e alcanzando novos contratos para o naval galego".

A pesar da unanimidade, o debate supuxo o cruzamento de críticas, sobre todo entre PP e PSOE, posto que, Tellado, como portavoz de industria do grupo maioritario, advertiu de que "a situación quen pode resolvela é o Goberno de España", tras lamentar que hai traballadores aos que lles están chegando "as cartas de despedimento" nestes días.

Pola súa banda, o socialista Martín Seco censurou a Tellado "unha vez máis cargar contra o Goberno de España mentres a palabra industria desaparece da Consellería do señor Conde". Ao seu xuízo, a Xunta realiza unha "política do escapismo" por "unhas competencias que decidiu esconder" nesta materia.

O Bloque, mentres, mostrou o seu apoio á iniciativa ao considerar que "o esforzo do Goberno debería estar á altura" da situación da construción naval. "Nun mundo con tres cuartas partes cubertas polo mar, dicir que a construción naval non ten futuro é como ser doutro planeta", subliñaron os nacionalistas.

Concentración na porta de Navantia Ferrol
Concentración na porta de Navantia Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta