Feijóo cre que ofrecer datos de infectados "por concello en tempo real" é "perigosísimo"

Considera que a relevación destes datos podería causar "estigmas", especialmente en concellos pequenos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que ofrecer datos de infectados por covid-19 "por concellos en tempo real" é "perigosísimo" porque podería causar "estigmas" para os afectados e para as localidades, especialmente en municipios pequenos. Así o dixo sobre a ausencia de datos desagregados da incidencia da pandemia en Galicia, durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta celebrado este xoves.

Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: Xunta.

"Estamos a discutir que dereitos deben prevalecer", manifestou Núñez Feijóo tras subliñar que a información de "todas" as persoas que sofren ou padeceron o coronavirus está "nas súas historias clínicas", que non poden ser reveladas por protección de datos e respecto ao segredo profesional.

"Dar infectados por concellos en tempo real parécenos perigosísimo", sinalou para, a continuación, argumentar que a Xunta considera "unha decisión moi controvertida" desde o punto de vista do "respecto" á protección de datos revelar que, por exemplo, un concello cun censo de 1.000 persoas ten "sete persoas infectadas".

Neste sentido, demandou compresión para a non comunicación destes desagregados pois considera que "hai persoas con nome e apelidos que merecen protección sobre certos estigmas".

"Non é un problema de ocultación. Non temos ningún interese en non ofrecer esa información", sentenciou despois de cuestionar que criterio habería que empregar para ofrecer datos desagregados de "distintos gromos xa pasados" e que incluirían persoas que xa deixaron de estar afectadas polo virus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta