Comeza o curso na USC marcado pola covid-19 e reivindicando a súa función investigadora

"Ás veces fan falta circunstancias excepcionais para tomar conciencia das nosas debilidades, pero tamén das nosas potencialidades", destacou o reitor Antonio López.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2020 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) arrincou este venres o curso universitario 2020/2021 nun acto solemne marcado polas medidas de prevención pola covid-19 e no que o reitor, Antonio López, reivindicou as bondades da docencia presencial e puxo en valor a función investigadora e de acción social desta institución.

"Inauguramos un curso que conta con moi escasos precedentes", dixo o reitor, que lembrou como, no 2019/2020, a "irrupción dun protagonista non convidado alterou todos os plans e segue pondo a proba as capacidades e as estruturas" da comunidade universitaria.

Neste período, que obrigou a pór en marcha iniciativas de docencia virtual e distintos protocolos, Antonio López agradeceu a implicación e o traballo da comunidade docente, do persoal da universidade e do estudiantado. "Grazas porque nunca nos sentimos sós", dixo.

Ademais, aproveitou a inauguración deste curso "especial" para lembrar o que hai algo máis de 100 anos, en 1918, marcou outra pandemia, a da gripe. Hoxe, a diferenza de entón, o estudiantado "ten ferramentas dixitais" para "non estar ocioso" ante o peche de centros e, ademais, a universidade desenvolve "un importante papel cara á sociedade".

FUNCIÓN INVESTIGADORA E TRANSFERENCIA

Neste sentido, o reitor destacou a evolución da función investigadora da USC, que "mira para fose dos laboratorios" tentando que os seus avances melloren a sociedade e a vida dos cidadáns. "Ademais de xerar coñecemento, é necesario transferilo", engadiu.

A covid-19, apuntou, "demanda respostas tamén desde a institución universitaria", unha actuación que, no caso da USC, traduciuse na doazón de equipos de protección, a produción de xel hidroalcohólico ou a cesión de instalacións a disposición do sistema sanitario durante o punto álxido. "Tamén puxemos toda a nosa potencialidade e a nosa capacidade investigadora, a traballar contra a pandemia", subliñou Antonio López.

"Ás veces fan falta circunstancias excepcionais para tomar conciencia das nosas debilidades, pero tamén das nosas potencialidades", destacou o reitor que, no entanto, lembrou que a actividade investigadora "non se improvisa", se non que require dun traballo "constante" e de fondos e financiamento estables. "Estes debates xa estaban encima da mesa, pero cun horizonte de anos que se acelerou", explicou.

Finalmente, o reitor reivindicou a importancia da formación presencial, aínda que admitiu que, nas circunstancias actuais, é necesario ofrecer "alternativas". Sobre esta cuestión, sostivo que o proceso formativo nútrese tamén de elementos como a convivencia entre estudantes e destes cos seus profesores, así como que a universidade é "un elemento de dinamización social.

No acto de inauguración do curso, no que tamén se fixo balance do curso 2019/2020, marcado profundamente pola covid-19, o catedrático Matemática Aplicada e exrector Juan Viaño foi o encargado de impartir a lección maxistral, na que repasou a historia dos estudos de matemáticas para reivindicar a formación nesta disciplina e a súa importancia nos avances sociais.

Antonio López: Con Máscaras Pero Con Voz, Somos Quen De Saír Adiante. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Antonio López: Con Máscaras Pero Con Voz, Somos Quen De Saír Adiante. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta