Ceos despexados

"Nubes de evolución" é unha historia de reconciliación coa vida e coas persoas, un relato de superación e de esperanza escrito por Andrea Maceiras. Artigo de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo | Ames | 17/04/2013 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Título: Nubes de evolución

Andrea Maceiras
Andrea Maceiras

Editorial: Xerais

Lugar: Vigo

Ano: 2013

Páxinas: 186

Andrea Maceiras, malia a súa innegable mocidade —é da fornada herculina do 87—, tense gañado xa un lugar de seu no eido da literatura infantoxuvenil galega, ao que leva dado interesantes títulos como Proxecto Bolboreta (2007) ou Violeta Tamurana (2010), ambos os dous distinguidos en diferentes certames narrativos.

A esta andaina engade acaba de engadir Nubes de evolución, libro que ve luz na colección Fóra de Xogo de Xerais e que resultara no seu día finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

Nubes de evolución sobrevoa (nunca mellor dito) o tormentoso momento vital que andan a atravesar tres personaxes: unha moza limpadora que acaba de ser nai solteira, un vello profesor agoniado e viúvo e mais un rapazolo fillo de país divorciados. É, por tanto, unha novela de (re)encontros, unha novela esperanzada na que a forza da palabra (unha frase cámbialles a vida aos protagonistas) e da música (hai cancións que lles resultarán himnos anímicos e vivenciais con milagrosa capacidade transformadora) acaban por desatar simbolicamente un proceso rexenerador que reconducirá, para ben, os camiños dos tres personaxes protagonistas.

Da escrita de Maceiras sorprende agradablemente a fondura que espellan os procesos reflexivos dalgún dos seus personaxes, tamén a capacidade de orquestración estrutural do texto e o aproveitamento dos elementos simbólicos e/ou metafóricos. Talvez o contrapeso estea na falta de decoro poético (demasiada semellanza nos parlamentos de protagonistas tan diversos por extracción social, idade e formación) e por certo naïf á hora de atar os cabos resolutivos dunha historia moi happy end (mesmo con anagnórises en exceso inverosímiles).

Mais non pode negarse que Nubes de evolución ten vontade de contar e de facelo propoñendo unha historia de reconciliación coa vida e coas persoas, un relato de superación e de esperanza que nos ensina, como a “Angie” dos Rolling, que, por moito que nalgún momento o acoro nos faga preguntarnos “When will those clouds all disappear?”, as treboadas acaban por esvaer para deixar paso aos ceos despexados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta