Piñeiral Castrexo, o bosque pintado polos celtas

No Puntal, en Camposancos, natureza e cultura abrázanse pola man de Xosé Cabaleiro, quen decorou un conxunto de piñeiros con símbolos célticos característicos nesta zona, que alberga unha das maiores despensas arqueolóxicas do noso pasado castrexo.

Por Alberto Quian | A Guarda | 20/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estamos no punto máis suroccidental de Galicia, nun recuncho máxico no que o Miño traza a raia azul que nos separa xeograficamente de Portugal e desemboca no Atlántico cara a un dos solpores máis fermosos do país, presidido polo impoñente Monte Santa Tegra e a súa citania, icona da Galicia castrexa. Alí, no lugar coñecido como O Puntal, na Entidade Local Menor de Camposancos –na Guarda–, un espectacular piñeiral saúda os peregrinos que percorren o Camiño Portugués e os veciños e visitantes que transitan por un paseo de madeira que conecta a praia do Muíño e o miradoiro do Puntal. Estamos ante o rebautizado Piñeiral Castrexo, un sitio onde a natureza abraza os nosos devanceiros, onde os troncos fan de soporte do noso pasado castrexo, onde esvásticas e trísceles celtas enfeitan o bosque nunha obra de arte perecedoira.

Piñeiral Castrexo
Piñeiral Castrexo | Fonte: Xosé Cabaleiro.

O Piñeiral Castrexo é unha obra do artista autodidacta redondelán Xosé Cabaleiro –afincado na Guarda–, quen se inspirou na corrente Land Art e, máis concretamente, nas intervencións de Agustín Ibarrola no Bosque de Oma (Kortezubi, Euskadi) e no de Rexo (Allariz).

A idea xurdiu durante as súas visitas ao Trega e o seu museo arqueolóxico: “Fixábame nos petróglifos, nos trísceles e esvásticas celtas... E logo, cando paseaba polo Puntal, miraba eses piñeiros e pensaba que podería trasladar dalgún xeito aqueles motivos ás árbores”, explica o artista galego. E transferiu a súa idea do seu cerebro a un ordenador, onde comezou a crear fotomontaxes do proxecto. Disto hai xa tres anos, en 2017.

A obra comezouse en setembro de 2019, proxectando polas noites as figuras sobre os troncos para trazar os motivos; e rematouse en xullo, tras un alto polo estado de alarma

Xosé Cabaleiro presentoullo a Gemma Marqués e Dani, artistas locais, xestores da Casa Taller da Guarda, aos que coñecía, para saber a súa opinión. “E gustoulles”, celebra.

O seguinte paso foi presentarlle o proxecto á Xunta, Seprona, ecoloxistas..., xa que o lugar é un espazo natural protexido da Rede Natura. Foron dous anos de espera até que contou co visto e prace. E arrincaron en setembro de 2019.

O traballo fíxose agochado na escuridade da noite, “de madrugada”, lembra Cabaleiro. Para poder facelo, utilizaron un proxector. Con este aparello, un xerador eléctrico e un ordenador, foron traballando noites de outono e inverno. “Proxectabamos trísceles e esvásticas nos piñeiros e, cunha escaleira e xiz, eu ía marcando nos troncos o debuxo do proxector”, explica.

Unha vez trazados os motivos, decoráronse cunha pintura ecolóxica, non contaminante. Foi un dos criterios acordados para poder traballar nunha obra efémera que se diluirá case imperceptiblemente co paso do tempo pola acción da propia natureza.

A mediados de xullo, por fin, completouse o Piñeiral Castrexo, logo de ter que parar a súa creación durante o tempo do estado de alarma e o confinamento por mor da pandemia da Covid-19. A idea, recorda o autor, “era presentalo en Semana Santa”. “Foron moitos días de moito traballo e esforzo”, engade.

O artista debuxou oito motivos celtas fragmentados en distintos troncos que se unen nunha iliusión óptica desde un determinado ángulo de visión

En total, arredor de medio cento de piñeiros locen oito motivos celtas: esvástica gravada en pedra Sinistrossum (“cando os seus brazos apunten cara á esquerda simboliza a vida”), esvástica típica do Miño (“máis coñecida como ‘o nó de Salomón’, atopada na zona da Miñota, a súa temática recorda a decoración castrexa chamada cestería”), disco solar (“é a representación solar máis primitiva que se coñece; trátase dun símbolo relixioso de significado astral”); espiral (“déixase ver con frecuencia nos complexos rupestres prehistóricos do noroeste da península”), tríscele Sinistrossum (“con brazos cara á esquerda, formado por tres corpos unidos nun mesmo eixe; os druídas do mundo celta dábanlle variedade de significados”), taboleiro xadrezado (“peza de pedra granítica con forma cadrada a modo de taboleiro xadrezado cun total de 36 casas, 6x6”), figura labiríntica (“a súa imaxe está vencellada ó camiño difícil, podería representar un lugar sagrado”) e triskelión (“na cultura celta representa o equilibrio entre corpo, mente e espírito; entre os druídas galegos simboliza a aprendizaxe”).

SEGUNDO SE MIRE

Unha singularidade desta obra é a importancia da perspectiva e a súa profundidade. Só desde un determinado ángulo e lugar podemos ver cada debuxo perfectamente formado, pois cada motivo foi fraccionado e gravado estratexicamente en distintos troncos, de xeito que a contemplación da obra convértese nun xogo para o espectador, que debe procurar o lugar preciso no que xorde a ilusión óptica que lle permitirá observar cada motivo completo.

Unha sorte de mapa do monte do Trega, con motivos gravados nos troncos dos piñeiros do fondo, completa como pano esta composición con caducidade, pero sen data.

“Co paso do tempo, como un graffiti, borrarase, pero quedará na memoria colectiva”, comenta Cabaleiro, quen  celebra que “a súa aceptación entre a xente foi enorme”.

"Un pobo que esquece a sua cultura é un pobo que esquece as súas raíces; iso é o que representan as pinturas do Piñeiral Castrexo"

A mensaxe desta intervención, di, “é non esquecer a nosa cultura celta e non só deixala nos museos, senón sacala á rúa, aos espazos abertos...”.

“Alguén dixo que un pobo que esquece a sua cultura é un pobo que esquece as súas raíces. Iso é o que representan as pinturas do Piñeiral Castrexo, unha gotiña de cultura nas raíces galegas”, prosegue.

A súa intención agora, anuncia, é “que sexa declarada Pintura de Interese Cultural pola Xunta”.

Xosé Cabaleiro non ten máis que palabras de agradecemento para Gemma Marqués e Dani, para a súa compañeira Ánxeles e para a presidenta da Entidade Local Menor, Mercedes Martínez, colaboradores e subministradores de recursos, ideas e ánimo.

CAMPOSANCOS, IDENTIDADE PROPIA

A Entidade Local Menor de Camposancos, como ben lembra Mercedes Martínez, “é a máis antiga de Galiza”. “Xa a finais do século XIX había unha xunta administrativa que xestionaba os bens do Coto, de acordo co previsto nas leis municipais de 1870 e 1877. Durante o antigo réxime era un coto que dependía do bispado de Tui, o cal arrendaba os seus bens aos veciños de Camposancos. O foro foi abolido no 1870. En abril de 1925 é recoñecida como Entidade Local Menor”, detalla.

Agora, desde a Entidade queren “poñer en valor entre todas as cousas a cultura e o patrimonio artístico de Camposancos, que, por certo, é moi abundante”, apunta.

Por exemplo, “estanse descubrindo sendas dunha beleza extraordinaria e cuns percorridos marabillosos que semella que nos remontan a séculos atrás, cunha toponimia moi rica que queremos dar a coñecer”, prosegue.

E como “proxecto de inicio”, e “nada máis chegar ao gobernó”, Mercedes Martínez Vázquez recoñece que tivo “interese” polo Piñeiral Castrexo, o primeiro proxecto que asumiu desde que preside a Entidade Local, hai xa un ano.

“Neste proxecto, Xosé Cabaleiro inspírase na cultura castrexa e é no museo do Trega onde saca os modelos dos trísceles tan fermosos. Inspirado nas ferramentas do museo do Trega, este artista levou esta cultura a ser debuxada nas árbores do Puntal, onde varias árbores xuntas en perspectiva agasállanos imaxes celtas moi fermosas, unha auténtica obra de arte que paga a pena ver”, describe Martínez, quen promete que “Camposancos e a súa alcaldesa seguirán vendo polo progreso e a cultura do pobo”, con “proxectos en mente que sen dúbida imos tentar facer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Helvira Couso

Ser galego e anticeltista é coma ser negro/muller/gay e votar a VOX...

3 Antimentireiros

Lo del celtismo es como lo de Murguia con los supuestos gallegos verdaderos. Que eran todos altos, rubios y de ojos azules. Toma ya

1 Rai

Imos progresando adecuadamente, pero... Murguía leva til, e ese "toma ya", en español, deber ir entre signos de exclamación. Polo tando tes deberes, repasas a lección e escribes cen veces: Menos escribir e máis ler. Bos días!

2 Anti_Faz

A ti a colonización na cuestión do idioma esvarouche. Como che din: facer os deberes.

3 Sinde

Antifás españolito, ti si que tes colonisada a cabesiña, májoa das

2 Nuno

Xa tarda o típico cosmopailán "gaiego" facendo algunha repichoca co tema dos celtas galaicos... A chorar a Ibiza, renegados.

1 Xurxo

Que celtas? os do fútbol?

1 Suir

En toda a franxa atlántica, xustiño nesta esquina, por arte de maxia (dos historiadores españoles) aparece un invento chamado "castrexos". Todo o resto é outra cousa pero aquí parece que saíramos da nada por ciencia infusa. Os torques irlandeses cuspidiños aos daquí son celtas pero os daquí son "castrexos", como se non tiveran relación ningunha. Canto mal fixo nalgunhas mentes o colonialismo e o peor en mentes que se supoñen algo máis espabiladas.