Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:20
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu ao investigador do CITIC Raúl Santoveña co premio da RAGC para menores de 30 anos por un proxecto no que colaborou co Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
Deste xeito, descubriuse un novo tipo de estrelas, as ricas en fósforo, un elemento que, xunto ao carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o xofre, resulta fundamental para o desenvolvemento de seres vivos. Este traballo, publicado o pasado mes na prestixiosa revista científica 'Nature Communications', apunta á posibilidade de que o fósforo proveña da contaminación ocorrida na nube protoestelar na que se formaron estas estrelas.
Por outra banda, un traballo científico centrado no descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre portas ao estudo e tratamento de enfermidades como o cancro ou patoloxías autoinmunes.
Segundo trasladou a RAGC, este proxecto recibirá o Premio de Investigación 2020 da entidade, dotado con 6.000 euros. O equipo que o levou a cabo está liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e contou coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.
O pleno da RAGC aprobou, ademais da elección dos gañadores, outorgar mencións honoríficas a investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) e a USC. Estes galardóns, denominados Premios de Investigación Ernesto Viéitez, entregaranse o próximo 8 de outubro, cando se celebrará o Día da Ciencia en Galicia.
En concreto, o equipo cuxo proxecto foi distinguido co Premio de Investigación está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do CiMUS. Este traballo centrouse no uso terapéutico de células nai, en concreto as pluripotentes inducidas, e foi coordinado pola investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.