Veciños lamentan o "pau" para as catro rúas de Ourense con máis restricións, pero apelan a "aguantar"

O presidente da federación de asociacións de veciños da provincia entende que é unha "medida necesaria".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O presidente da federación de asociacións de veciños da provincia de Ourense, Manuel Mosquera, lamentou o "pau moi grande" que supoñen as novas medidas restritivas que a Xunta aplica en catro rúas da cidade das Burgas desde o pasado venres. En calquera caso, asumiu que "haberá que aguantar".

Realización do test COVID-19 na segunda onda do estudo epidemiolóxico do Sergas nun centro de saúde de Galicia
Realización do test COVID-19 na segunda onda do estudo epidemiolóxico do Sergas nun centro de saúde de Galicia | Fonte: Cedida.

Mosquera entende que esta foi unha "medida necesaria" para facer fronte ao incremento de contaxios de covid-19, aínda que advirte de que é "un pau moi grande" sobre todo para os negocios. Ademais, opinou que "quizá" os responsables quedaron "algo curtos", ao deixar a "algunha rúa" fóra destas novas limitacións.

Segundo informou o venres a Consellería de Sanidade, a reunión do subcomité clínico deste día determinou endurecer as restricións especificas en catro rúas da cidade de Ourense: Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal.

Nelas, como xa pasou anteriormente co barrio da Milagrosa de Lugo e co concello de Arteixo, non poderá haber reunións de máis de cinco persoas e nin bares nin cafetarías poderán servir no interior dos establecementos.

Nas terrazas, con aforamento limitado do mesmo xeito que no resto de áreas con medidas especiais, non poderá haber grupos de máis de cinco persoas, como tampouco nos restaurantes, que si poderán servir dentro do local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta