Temas: DELITO MENORES

Aumentan nun 46% os menores condenados en Galicia en 2019

O número de adultos condenados implica un incremento do 11,82%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O número de menores condenados por sentenza firme en 2019 en Galicia ascendeu a un total de 593, o que supón un incremento do 46,06% respecto ao ano anterior, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O número de adultos condenados, un total de 13.748, implica un incremento do 11,82%.

Menores condenados en Galicia en 2019. EPDATA
Menores condenados en Galicia en 2019. EPDATA | Fonte: Europa Press

De acordo con esta estatística, do número de menores condenados, 528 son de nacionalidade española e 65 estranxeiros. Por sexos, foron condenados en Galicia un total de 432 varóns por 161 mulleres.

A taxa de menores de 14 a 17 condenados por cada mil habitantes, situouse en 6,7, mentres que a taxa de infraccións penais cometidas por este colectivo --un total de 1.281-- foi de 14,4, por encima da española, 13,6.

No caso dos adultos condenados por sentenza firme, 12.493 foron de nacionalidade española e 1.255, estranxeiros. Dos condenados, 11.100 eran homes e 2.648, mulleres. A taxa por cada mil habitantes situouse en 5,9.

O total de delitos foi, segundo o INE, de 19.919. A taxa de delitos cometidos por cada mil habitantes situouse en Galicia na 8,6 fronte ao 10,6 a nivel estatal.

DELITOS

A nivel estatal, un total de 416 menores foron condenados por delitos sexuais durante 2019, o que supón un crecemento do 28,8% destas penas con respecto ao ano anterior.

O estudo explica que eses máis de 400 menores condenados cometeron un total de 548 delitos contra a liberdade sexual, dos cales, 245 foron considerados como abuso e agresión sexual a menores de 16 anos, 165 como abuso sexual e 60 como agresión sexual. Do total de agresións sexuais, seis foron consideradas como violación.

Nese mesmo ano, indica o INE, rexistráronse 2.708 condenados adultos por este mesmo tipo de delitos. Este número tamén é unha suba con respecto a 2018. En concreto, un 11,4% máis de condenas. Ademais, o informe determina que o 97,3% dos adultos penados son homes e as 2,7% mulleres.

En canto aos delitos cometidos (un total de 3.401 delitos), uns 1.218 foron considerados abuso sexual, 620 prostitución e corrupción a menores e 529 como abuso e agresión sexual a menores de 16 anos. En canto as agresións sexuais, 36 foron consideradas violación.

Temas: DELITO MENORES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta