Manuel Baltar sobre Ourense: "Hai só dúas posibilidades, que renuncie o alcalde ou moción de censura"

O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, remarcou que "lle corresponde á maioría do pleno" do Consistorio "dar unha solución".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, advertiu este luns que, ante a crise institucional que vive o Concello ourensán, hai "só dúas posibilidades: que renuncie o alcalde (Gonzalo Pérez Jácome) ou que se provea a súa substitución mediante un mecanismo democrático que é a moción de censura".

Así o trasladou, en declaracións aos medios en Santiago, tras acudir á toma de posesión dos delegados territoriais da Xunta, e do secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda. En todo caso, remarcou que "lle corresponde á maioría do pleno" do Consistorio "dar unha solución".

Baltar lembrou que o PP de Ourense ten un grupo no Consistorio que adoptou "de forma unánime" a decisión de "suspender temporalmente" o pacto con Democracia Ourensá (DO) e agora estase á espera de ver "como evolucionan os acontecementos nas próximas horas".

"Todos saben que houbo un pleno no que 24 dos 27 edís que conforman a Corporación pediron a dimisión do alcalde. Del depende dimitir ou non, non parece que vaia facelo, pero bo, hai que deixar pasar uns para que os grupos municipais establezan as conversacións necesarias", apostilou.

PACTO NA DEPUTACIÓN

Finalmente, acerca de se ve "en xogo" a Deputación, subliñou que "non". "Falei cos deputados de DO e o portavoz de DO garantiume que se mantiña o pacto, que é o que dicimos no partido, que se suspendeu temporalmente desde o concello, á espera de como evolucionan os acontecementos e das decisións que toma o alcalde", resolveu.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta