As residencias rexistran 225 usuarios afectados tras a curación de 22 maiores da Orpea Coruña

En canto aos centros de discapacidade, mantéñense en 37 os contaxios entre os seus usuarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Os usuarios de residencias de maiores galegas contaxiados por COVID-19 diminuíron este luns ata os 225, tras a curación de 22 internos da Orpea Coruña, de Culleredo.

Con iso, segundo os datos proporcionados polas consellerías de Sanidade e de Política Social, a cifra de usuarios afectados pasa dos 249 do parte do domingo a 225. Ademais de retirar do cómputo 22 maiores que xa deron negativo nas probas PCR, na última xornada rexistráronse dous falecementos vinculados a residencias, un usuario da DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei e outra da Orpea Coruña.

Pola súa banda, a última actualización de afectados tamén resta un positivo entre os traballadores de residencias de anciáns, o dun empregado da Orpea Coruña, que pasa a non ter ningún traballador afectado.

En conxunto, os centros residenciais con máis maiores contaxiados continúan sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 133, a residencia do Incio, con 58, e o fogar residencial O Piñeiral, de Culleredo, con 21, o tres intervidas pola Xunta de Galicia.

Tamén teñen usuarios contaxiados a residencia Ballesol de Oleiros (6), a DomusVi Lalín (2) e as das Salinas de Ourense, Castro Ribeiras de Lea e Arteixo, cun usuario afectado cada unha. A residencia Orpea A Coruña, que ata este domingo era a terceira en número de casos en Galicia, mantén só dous casos activos entre os seus maiores.

TRABALLADORES DE RESIDENCIAS

Con respecto aos traballadores dos centros xeriátricos, baixan ata o 97 --un menos-- os casos de coronavirus activos, tras a negativización do único empregado afectado na residencia Orpea Coruña.

Así, o persoal con máis casos segue sendo a do Incio, con 35 traballadores contaxiados; seguida por DomusVi de Outeiro, con 24 casos; e O Piñeiral de Culleredo, con sete. En DomusVi Lalín hai tres casos; e en Ballesol Oleiros, Volta do Castro, San Simón, Vitoria de Teo, Nosa Señora do Socorro de Arnoia, Doral Residencias de Mos, e CRAPD I de Vigo, hai dous casos en cada unha.

A eles súmase un caso nos persoais de cada un destes centros: Residencia de Oleiros, DomusVi Noia, Porta do Camiño, A Milagrosa, San Bartolomeu de Xove, A Saleta de Cea, DomusVi Barra de Miño, Residencia Santiago Apóstolo de Vilamarín, Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, CRAPD II de Vigo, Alvi-Beade de Vigo, A nosa Señora da Saúde da Peroxa e a residencia Santa Marta de Vigo.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

En canto aos centros de discapacidade, mantéñense en 37 os contaxios entre os seus usuarios: un na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos e 37 na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros.

Tamén hai 15 traballadores con COVID en diferentes centros, despois de sumar o caso do centro de Aspronaga en Oleiros, que agora contabiliza 11 positivos. A maiores, hai un empregado con coronavirus no centro Juan Vidán Torres de Santiago, outro na residencia para persoas con dano cerebral de Castro de Rei e outro no CAPD de Chapela-Redondela.

Un home asómase a unha xanela na residencia de anciáns do Incio, en Lugo (España).. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un home asómase a unha xanela na residencia de anciáns do Incio, en Lugo (España).. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta