Feijóo garante que haberá diálogo con Ourense, pero pide ver como evoluciona a crise municipal "por prudencia"

O presidente da Xunta evita pronunciarse sobre unha posible moción de censura apoiada polo PP no Concello ourensán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2020 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu que haberá "interlocución normal" co goberno de Ourense, a terceira cidade de Galicia, pero aludiu á crise institucional que vive o Concello e esgrimiu que, "por criterios de prudencia", ve máis lóxico esperar a comprobar como evoluciona a situación.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

"Se hai un alcalde que foi abandonado polo seu propio partido e o pacto de goberno (co PP) quedou en suspenso, un alcalde que ten un só concelleiro que lle apoia, o lóxico é esperar e ver como se desenvolve a crise institucional sen precedentes que está instalada nese concello", remarcou, en relación ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome, a quen, á espera de ver que fará Telmo Ucha, só é leal Armando Ojea.

"Eu cun alcalde da cidade reúnome porque representa á maioría do pleno e pode concretar as cuestións que pactamos. Se non ten a maioría no pleno, porque hai grupos que non a teñen, hai pactos estables, pero non coñezo ningún alcalde ao que, de 27 edís, o apoie un", advertiu Feijóo, quen mantivo co rexedor de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, a primeira das reunións cos alcaldes das urbes do seu novo mandato.

Dito isto, aínda que obviou a Jácome na listaxe de cartas que enviou aos alcaldes das cidades ofrecendo colaboración, Feijóo insistiu en que "haberá reunións co alcalde" de Ourense cando corresponda. "Esperemos que se estea á altura política dunha cidade que non merece a situación que atravesa o Concello", dixo.

De feito, lembrou que el mesmo procede de Ourense e concluíu que ningún veciño da cidade merece a situación na que está inmersa.

Preguntado pola moción de censura como vía de solución, respondeu que "corresponde aos edís da cidade buscar as fórmulas" para liquidar o problema, pero volveu a pór o foco en Jácome. "Todo depende do alcalde Jácome, a cidade está lamentablemente baixo a súa responsabilidade. A ver se somos capaces de que cada un cumpra as responsabilidades que lle corresponden", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta