Medio Ambiente e a USC colaboran na reintroducción do mexillón de río nos cursos fluviais galegos

A especie está a sufrir "unha regresión en toda a súa área de distribución".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/09/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asinaron un convenio de colaboración para reintroducir e mellorar a situación do mexillón de río nos cursos fluviais galegos.

O convenio, autorizado polo Consello da Xunta este mesmo mes, garante a continuidade de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e a universidade compostelá ata o ano 2023 e implica un importe de 85.000 euros para levar a cabo traballos de investigación encamiñados a desenvolver e mellorar o proceso de cultivo do mexillón de río (Margaritifera margaritífera).

Sinatura do convenio
Sinatura do convenio | Fonte: Xunta.

Ademais, en base a este acordo, Medio Ambiente autoriza á Universidade de Santiago a empregar as instalacións do Centro ictioxénico do Veral, en Lugo, para levar a cabo estes traballos de investigación.

Segundo informou a Xunta, esta especie está a sufrir "unha regresión en toda a súa área de distribución" de forma paralela á degradación ambiental das bacías hidrográficas, mentres que en Galicia "ten un dos seus últimos refuxios en Europa" grazas a que as actividades agrogandeiras tradicionais permitiron "manter unha idónea calidade das augas".

O mexillón de río é "unha das especies máis ameazadas en Europa", destaca a Administración galega, polo que a recuperación das súas poboacións permitiría no futuro "unha importante mellora na calidade das augas, xa que actúan como filtradores biolóxicos naturais".

En virtude do convenio autorizado, a Universidade de Santiago prestará asesoramento e apoio técnico no cultivo de bivalvos de auga doce e para garantir o estado sanitario e xenético dos peixes que se utilizan como hospedadores das larvas dos mexillóns, á vez que elaborará os informes e documentos técnicos en relación coa conservación do mexillón de río e do seu cultivo, co fin de reforzar as súas poboacións ou traslocar a especie naqueles tramos fluviais nos que se considere posible a implantación de poboacións viables.

Con iso, a USC comprométese a dirixir e supervisar o desenvolvemento de técnicas de cultivo de bivalvos de auga doce coa finalidade de mellorar a produción e a recuperación das especies que se atopan baixo algunha figura de protección, xa sexa de ámbito internacional, nacional ou autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

A desaparición do mexilón de rio no Ulla foi consecuencia, según teño entendido, da contaminación por drenaxes acidas procedentes da mina de Touro