Consello de Forzas Locais de Galicia: “buscamos a pluralidade real, da base do país, que non está no Parlamento"

O Consello de Forzas Locais de Galicia é un espazo de traballo en común e autoxestionado para a coordinación, desde a base, entre agrupacións municipalistas, con políticas progresistas, republicanas e en clave galega. O seu é traballar polo municipalismo. Descartan, polo momento, dar o paso á política galega.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Así é como se presenta este Consello de Forzas Locais, unha iniciativa con raíces na Declaración de Touro en procura dunha maior independencia do traballo local baseado na democracia, ademais dun funcionamento político “transversal de raíz republicana, galega e progresista como elementos básicos de acción política”. Falamos con Xosé Antonio Araúxo, membro do Manifesto Miñor, unha das organizacións que forman parte do Consello de Forzas Locais de Galicia. Buscamos debullar os puntos que levaron á creación dunha plataforma que pide máis voz para o municipalismo.

Ponte da Ramallosa, Val Miñor
Ponte da Ramallosa, Val Miñor

-Que é o Manifesto Miñor?
Manifesto Miñor definímonos como unha candidatura veciñal, porque entendiamos que iso de unidade popular nos quedaba un pouco grande. Somos veciños e veciñas dos nosos concellos. Aínda así Manifesto Miñor está legalizado como partido político e temos implantación en todo o Val Miñor, de feito presentámonos ás eleccións municipais en Gondomar, Baiona e Nigrán. Somos unha asociación asamblearia, de raíz veciñal, onde a nosa xente participa en todos os movementos veciñais da comarca. Iso danos unha introdución veciñal interesante desde a base. Hai membros de comunidades de montes, do movemento veciñal e de movementos alternativos como pode ser en Nigrán a Casa Colorida. Todo esa diversidade de persoas son as que participan desta organización. O nome vén do Manifesto Miñor, que se fixo no Val Miñor durante unhas eleccións municipais e ao final quedou ese nome. O noso anagrama é a Ponte da Ramallosa onde coinciden os tres concellos da comarca.

-O Consello de Forzas Locais de Galicia é unha plataforma de candidaturas como a vosa?
Si, e por certo, moitas delas teñen unha ponte no anagrama. Mais si, son candidaturas como a nosa, que buscan recoller a pluralidade real, da base do país. Esa base non é a que está no Parlamento galego. Nós apostamos pola diversidade en todos os niveis sen quitarlle lexitimidade á representación no Parlamento galego. Nós entendemos que na base, nos concellos, todo é máis rico, máis plural, máis diverso e máis activo. Así que desde ese Consello, desde esa confederación que é realmente iso, unha confederación, co respeto ao xeito de funcionar cada unha delas, só cuns mínimos de organización común. Modestamente pretendemos unir ou coordinar toda esa base do país que é máis da que se pensa.

-Entón a fórmula de partido político para Manifesto Miñor, por que se adoptou?
Foi un formalismo que tivemos que cubrir, aínda que o noso funcionamento non é como tal. Logo dentro desa confederación hai partidos ou asociacións de electores, hai un amplo abano de formacións.

Nós apostamos pola diversidade en todos os niveis sen quitarlle lexitimidade á representación no Parlamento galego

-Iso de estardes inscritos como partido, non acabará por atraer a partidos máis grandes para buscar coalicións, mesmo absorbervos?
No caso de Manifesto Miñor non temos ese problema porque simplemente foi un formalismo. Cando nos quixemos presentar nos tres concellos do Val Miñor, tivemos que facelo así por cuestións de operatividade. Insisto, a nosa forma de actuar e asamblearia, non comités directivos, está sobre o papel, mais non ten que ver con iso.

-Crear Manifesto Miñor suponse que vén dunha análise da política municipal. Cales son as eivas dentro do municipalismo galego que vos empurraron a crear a organización?
A min persoalmente a palabra “municipalismo” non me acaba de gustar. Nós falamos de candidaturas de base veciñal ou de unidade veciñal cun marco de actuación formal que é o concello. Os déficits dos concellos comezaron na chamada Transición do 78 que os deixou como entidades tuteladas, mal financiadas e aos desexos das deputacións. Digan o que digan, as eleccións séguenas gañando as deputacións provinciais que temos moi claro que deben desaparecer. Nós gustamos do modelo portugués de freguesías, municipios, cámara municipal e o financiamento, que non depende do cacique de turno. Consideramos ese modelo como válido para Galicia.

-Un punto esgrimido a favor das deputacións é que poden axudar a concellos pequenos sen abondo orzamento e capacidade material para realizaren infraestruturas, por exemplo.
Desde que existe un modelo descentralizado do Estado como son as autonomías, as deputacións sobran xa. A Xunta de Galicia atende grandes e pequenos concellos, tamén asfalta camiños, por dicilo dalgunha maneira. Un modelo alternativo ás deputacións sería a mesma Xunta e ao mesmo tempo áreas metropolitanas onde a función é optimizar recursos e aumentar servizos. Logo está tamén a comarcalización e, por que non?, o recoñecemento xurídico das parroquias.

-Mais as grandes áreas do rural están case baleiras. Como se podería resolver xuridicamente o peso legal dunha parroquia que teña só o vinte por cento da poboación que tivo, por así dicilo?
Aí estamos falando xa doutra cousa. Falamos dun modelo de país que trascende as cousas tal e como están agora. Certamente non sei se sería moi efectivo que unha parroquia con tres persoas vivindo nela teña peso. Mais todo iso necesita outro tipo de políticas, pensar o país, pensar sobre a Galicia baleira. É un problema de país ao que lle hai que dar unha volta. A comarcalización pode ser unha das patas dun novo artellamento. Comarcalización, áreas metropolitanas e nos niveis posibles, recoñecer a parroquia como entidade xurídica. Isto aumentaría a participación das persoas na vida política.

Os déficits dos concellos comezaron na chamada Transición do 78 que os deuxou como entidades tuteladas, mal financiadas e aos desexos das deputacións

-Ollar o mapa das comarcas praticamente é ver unha subdivisión das provincias, como unha reunión de concellos.
Hai un mapa comarcal que fixera Fraga no seu día que non sei se chegou a funcionar, en tal caso está aí, en calquera caso a falla estaba en cal era a cabeza de comarca. Aí había loitas entre os caciques ou baronías que tiña o PP daquela. Creo que pode haber comarcas interprovinciais perfectamente.

-E a idea da actual Xunta Feijóo de unificación de concellos, sería un paso de cara o cambio de modelo territorial ou, pola contra, é unha fórmula que naceu morta?
Esa foi unha idea propagandística fallida do PP que non foi adiante porque non ten sentido. Imaxinemos a fusión de dous concellos, as entidades bancarias dun pasan para o outro, desparace todo. O fundamental é achegar administración aos administrados e con esa fusión non se chegou a iso, todo o contrario. Dubido tamén que se aforrase nada, o que custa un pleno ordinario? É un pouco desa demagoxia que ás veces se fai e que en España hai vinte veces máis  políticos que en Alemaña. E que problema hai? En Alemaña están mellor pagados e aquí o 90% non cobramos. Se queren aforrar cartos que supriman Senado, Monarquía e outras cousas e non en áreas tan básicas e achegadas á cidadanía como son os concellos. Iso foi un fracaso e quedou aí.

-Mirando agora ao Concello de Ourense,  por exemplo, debería crearse unha vía para avaliar se unha persoa pode ser ou non candidato a determinados cargos?
Iso é moi complicado, porque a democracia é como aquilo sobre a xustiza: “é preferible un delincuente libre que un inocente preso”. Terán que ser os cidadáns quen tomen nota destas cousas e no seguinte mandato corrixan. O de Ourense leva moito anos sendo algo especial. Agora con este home, o alcalde de Ourense, parece que é un modelo a seguir. O que pasa en Ourense poderíase comparar con Bolsonaro en Brasil e Trump e EE.UU. Son os políticos que están de moda. Electoralmente iso parece funcionar. O problema de Ourense é un problema dun territorio onde o Estado leva desaparecido 500 anos, e só aparecía para cobrar impostos e recrutar mozos para a mili. É un caso especial.

-Mentres tanto, as outras deputacións gobernadas polo PSOE, semellan frontes abertas contra a Xunta, unha situación que parece complicar a gobernabilidade do territorio.
Creo que unha das cousas manifestadas nas eleccións de xullo de 2020, foi que deu lugar a que hai un país sen concellos e hai uns concellos sen país. Por que pasa isto? Porque os concellos e as deputacións están case todos en mans do PSOE, que non cre en Galicia como país, e logo Feijóo goberna o país que non ten os concellos por estar en mans destes outros. Creo que esa falta de entendemento e non colaboración entre insititucións, cuns orzamentos altísimos, quen o paga somos os veciños, a xente. Ao final fan un uso interesado, caciquil e partidista das institucións. Goberno para os meus.

Se queren aforrar cartos que supriman Senado, Monarquía e outras cousas e non en áreas tan básicas e achegadas á cidadanía como son os concellos

-En caso de que o Consello de Forzas Locais de Galicia puidese presentarse a unhas eleccións autonómicas, presentarían no programa unha reforma territorial do país?
Como organización en construción que estamos, temos debatido que na nosa intención e postulados non está a creación dunha forza para ir ás autonómicas. Iso non está nos nosos presupostos nin a medio nin longo prazo. Si nos preocupan as decisións que toma o goberna a Xunta e que queiramos influir ou participar das decisións que se tomen aí. Pensamos que o podemos facer cando esteamos ben coordinados, ben estruturados e usando a forza dos concellos, do municipalismo para ternos en conta cando se tomen decisións. Fun concelleiro e alcalde en Gondomar e ás veces ves normas que preguntas ti, quen fixo isto? Un exemplo, organizar as festas parroquiais como se fosen un concerto masivo. Isto pasa por non consultar. Ás veces envexo aos franceses, non sei se por lei ou tradición, todos foron alcaldes dalgún concello. Para presentarte á candidatura de presidente da República tes que ir avalado por 500 sinaturas de cargos municipais. A min paréceme ben, porque os alcaldes teñen a función de escoitar os veciños. Iso é o que botamos de menos, que os cargos públicos escoiten á xente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Jácome é demasiado importante, demasiado alto e demasiado intelixente para estas cousas. E decir que o Estado leva desaparecido 500 anos en Galicia é un poquiño exaxerado. Seica as pensións as paga o Bispo de Braga, e que as autopistas ou tren de alta velocidade de Coruña a Vigo os fixeron os de Singapur.

1 Casoplon con criadas galegas

Non están todas, falta Jácome.