A Xunta segue sen informar sobre os rastrexadores e di que "non existe ese posto de traballo"

Insiste en que se trata dun "proceso" no que hai 6.000 persoas implicadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou que non podía responder á pregunta formulada polo PSdeG sobre o número exacto de rastrexadores cos que conta Galicia, posto que para iso tería que saber "o que vostede (en referencia a Julio Torrado) considera" como rastrexador. "Non existe ese posto de traballo", sinalou para indicar, a continuación, que "é un proceso, non un profesional".

Así, citou a cifra de 6.000 persoas implicadas no sistema sanitario que fan algún tipo de seguimento de casos, desde os facultativos de Atención Primaria ao seguimento tecnolóxico a través do 'call center', cifra que o deputado socialista pediu coñecer en concreto pero que o conselleiro non ofreceu. Neste sentido, tamén reclamara coñecer a cifra dedicada a este labor por área sanitaria, sobre o que o titular de Sanidade dixo que son de ámbito autonómico e non están divididos con ese criterio.

Para Julio Torrado, a consideración da Xunta supón que Galicia tería 2,7 millóns de rastrexadores, en referencia á poboación da comunidade e ironizou con que cada galego podería chamar e indicar que é asintomático.

Comesaña insistiu en que o rastrexo "é un proceso" e destacou que proximamente se incorporará a aplicación PassCovid á xeral estatal. Así, defendeu a actuación da Xunta, que mostrou "innovación" nas súas actuacións, como esta tecnoloxía ou os "covid auto", para recoller mostras de pacientes con sintomatología de coronavirus nos exteriores dos hospitais.

Doutra banda, ao ser preguntado pola deputada do PPdeG Encarna Amigo polos cribados que realiza a consellería, indicou que tamén se farán aos usuarios de residencias, cada 14 días, no que serán seleccionados de forma aleatoria en función da prevalencia do covid entre os 300 centros que hai en Galicia.

Enfermairas
Enfermairas | Fonte: RIBEIRA SAÚDE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta