BNG e CA critican que os "problemas reais" de Santiago non estiveron entre os asuntos tratados por Feijóo e Bugallo

Lamentan que o Xacobeo sexa a cuestión principal que trataron o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago, esquecendo temas como a nova Escola de Idiomas ou o aparcadoiro do CHUS.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG criticou este mércores a reunión mantida entre o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por ignorar " os problemas reais" da cidade, un encontro, que, para Compostela Aberta, só serviu para que ambos os mandatarios "cubran as costas para tapar a parálise na que sumiron" a Santiago.

Así, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, afeou a Sánchez Bugallo a "falta de compromiso para reclamar a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do conservatorio, as obras de abastecemento e saneamento do rural ou o desenvolvemento industrial da urbe.

Do mesmo xeito, Sanmartín esixiu que se esclareza se os fondos europeos para a reconstrución da pandemia, aos que se "pretenden adscribir os recursos necesarios para a nova estación depuradora", van ter que "ser devoltos ou son a fondo perdido". "Porque o BNG non quere que isto repercuta no incremento do recibo de auga dos veciños", explicou.

A portavoz nacionalista referiuse tamén a algunhas "insuficientes medidas paliativas" derivadas "dos recortes que aplicou Feijóo durante 12 anos nos servizos públicos de ensino, servizos sociais e sanidade", ante o que esperan "que os acordos se concreten no papel con partidas orzamentarias e prazos".

Na mesma liña, Compostela Aberta considerou que o alcalde foi a este encontro "cunha actitude pasiva" fronte á "parálise" que vive, na súa opinión, tanto en Concello como a Xunta. "A reunión ratifica o que xa sabiamos: que Bugallo foi o candidato de Feijóo nas eleccións municipais e que Feijóo foi o candidato de Bugallo nas autonómicas", resumiu Marta Lois.

Entre outras cuestións, a portavoz lamentou que o Xacobeo "volva ser o eixo da reunión" entre ambos os mandatarios, que "seguen demostrando que non teñen máis proxectos de futuro para a capital que non sexa o turismo, aínda cando a pandemia da covid-19 cambiou por completo o escenario".

Na mesma liña, Marta Lois mostrou o seu escepticismo con respecto ao Plan de Sustentabilidade Turística, que "se volve a vender como un investimento real de catro millóns de euros, cando, de momento, o único que temos é un proxecto que aínda ten que recibir o visto e prace do Estado" e que "inclúe medidas que para nada son novas, como a creación dun Observatorio turístico".

Por outra banda, Marta Lois criticou que Bugallo "siga sen levar á reunión" con Feijóo os "compromisos incumpridos pola Xunta con Santiago", como "o novo aparcadoiro do CHUS, o parque comarcal de Bombeiros, a Casa de Acollida para Mulleres, a Cidade da Raqueta ou o incremento de achegas á capitalidade".

"Tampouco se falou na reunión doutras necesidades que ten Compostela, como a construción dun centro de día para menores, nin se concretou nada respecto diso da residencia de maiores que se vai a construír no Restollal", lamentou Compostela Aberta, que esixiu para este último centro unha xestión pública.

COVID NA ADMINISTRACIÓN LOCAL

Por outra banda, o Grupo Municipal Popular levará ao pleno deste xoves unha proposición para que se emitan os correspondentes informes e se produzan as comparecencias dos concelleiros delegados en comisión para explicar os axustes e adaptacións á situación derivada da covid-19 que se fixeron na actividade municipal.

Para o portavoz do grupo, Alejandro Sánchez-Brunete, "non se pode" abrir o debate orzamentario no consistorio "sen dispor dunha radiografía xeral da afectación da crise da covid-19 á actividade, aos obxectivos, ás prioridades, á eficacia ou á eficiencia da actividade municipal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta