Por X.M. Fernández | Allariz | 24/09/2020 | Actualizada ás 09:30
A carne será cociñada de moitas maneiras diferentes e os comensais atoparán suxestivos petiscos a 2 euros como por exemplo: pitaboi, taco de boi de Allariz desmigado e verduras da horta, mini bollete de boi a baixa temperatura con mollo de cervexa negra, ou cornada de boi e tamén menús de diferentes prezos nos que o boi é produto estrela.
A situación actual, e a necesidade de adaptarse aos protocolos covid-19, levaron a tomar a decisión de non realizar nesta edición o concurso de tapas. Foi unha solución consensuada entre o Concello de Allariz e a hostalería local.
A alcaldesa, Cristina Cid, explicaba na presentación das IX Xornadas de Carne de Boi de Allariz, que o aproveitamento dos recursos, do patrimonio e do territorio xera un desenvolvemento económico importante en Allariz; e poñer en valor a crianza e comercialización da carne de boi dende o concello é un claro exemplo. Trátase dun proxecto de economía circular, de produto de proximidade, de posta en valor do rural e de aproveitamento do territorio.
A empresa Briugu Allariz comercializa Carne de Boi de Allariz, ademais de no Mercado da Reserva da Biosfera, e tamén distribúe á hostalería de Allariz. O seu xerente, Xosé Romero, sinala a gran calidade da carne producida en Allariz. Este ano destináronse para as xornadas, 4 bois, ao redor de 1.600 quilos de carne.
Seguindo todos os protocolos sanitarios, e tomando todas as medidas pertinentes, as persoas que desexen degustar un menú con carne de Boi de Allariz poderán reservar con anterioridade a súa mesa nos establecementos participantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.