Profesores con xordeira na pandemia: discriminados e abandonados polas administracións

Unha denuncia pon no centro das olladas o "abandono" de administración e sindicatos ante esta discapacidade: "levamos meses falando coa Consellería e aínda non deron solución".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

Xoves 24, xornada de presentacións nos centros galegos. O transcorrer do día rematará, de seguro, cun bo número de profesores e profesoras levando as mans á cabeza ante o que vén: o curso máis incerto e complexo de cantos hai na lembranza. As súas dificultades, con todo, sempre serán menos que as dunha comunidade "de cotío esquecida": os xordos.

Estudantes nunha aula
Estudantes nunha aula | Fonte: arquivo

O silencio que dende hai meses pende sobre a problemática dos profesores con xordeira vén de ser quebrado nunha denuncia pública que ameaza con carrexar cambios nas aulas. A problemática fundamental do colectivo é que, como explica o escritor e xornalista galego Xián Lois Alcayde, as máscaras "non permiten ler os beizos", unha posibilidade que resulta básica para comunicarse en casos coma os da súa nai.

A denuncia de Xián Lois ten por obxectivo botar luz sobre unha problemática, que, segundo denuncia, tan só foi recibida con "indiferenza" por parte da Consellería de Educación e o Ministerio correspondente. "No protocolo da Educación da Xunta non se recoñece ningún tipo de medida para o profesorado con discapacidade", apunta que xornalista antes de preguntarse como enfrontará as aulas súa nai.

"SEN RESPOSTA" DA XUNTA

Neste aspecto, Lois Alcayde centra as súas críticas no "abandono" ó que a docente vén de ser sometida por parte da Xunta. "Levamos meses falando coa Consellería e a Inspección sen que achegaran solución algunha", explica. Por riba, este mes o propio centro no que exerce a docente "enviou unha carta moi extensa a Educación pedindo recursos e solucións. Aínda non responderon", valora.

A problemática na que se ve sumida María Xesús Dans, atrapada "nun baleiro legal", podería ser atenuada cunha serie de recursos que a Consellería, polo momento, se negou a achegar. "O centro pediu un software de subtitulado para poder atender ós claustros telemáticos", explica Lois Alcayde. A resposta da Consellería foi, unha vez máis, negativa: "explicáronnos que a situación da mina nai non estaba recoñecida legalmente, entendo que a nivel de protocolo", valora.

Ante estas circunstancias, o xornalista pecha a denuncia esixindo "solucións" tanto ás autoridades autonómicas como estatais para poñer fin a unha situación de desamparo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta