O BNG pide reforzar as brigadas de investigación e prevención contraincendios a curto prazo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxe medidas para que as cinzas non acaben nos ríos e, por tanto, "nas augas que consomen moitas persoas, provocando ademais unha forte erosión no terreo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou plans de recuperación de zonas queimadas e medidas de prevención e investigación dos lugares que reiteradamente se queiman para evitar incendios forestais e preservar os espazos naturais.

A portavoz nacional do BNG desprazouse este xoves á localidade ourensá de Vilar de Barrio, un dos concellos máis afectados pola recente vaga de lumes na provincia de Ourense. Alí, mantivo unha reunión co rexedor, Manuel Conde, na que tamén participaron os alcaldes e alcaldesas de Allariz, Baños de Molgas e A Mezquita, así como responsables municipais de Muíños, A Gudiña e Verín.

A líder nacionalista puxo sobre a mesa propostas a curto e medio prazo despois das miles de hectáreas que se queimaron no macizo central e nun espazo "emblemático" na serra do Xurés, deixando "claro" que os lumes "son un dos principais problemas ambientais de Galicia".

Entre as medidas inmediatas, Pontón urxe medidas para que as cinzas non acaben nos ríos e, por tanto, "nas augas que consomen moitas persoas, provocando ademais unha forte erosión no terreo".

Tamén a curto prazo, reclamou programas para investigar e previr nos lugares altamente incendiados, os que arden cada ano,. "Deben fortalecerse as brigadas de investigación e de prevención para actuar no curto prazo", engadiu.

MEDIDAS MEDIO PRAZO

Coa mirada no medio prazo, apostou por plans de recuperación das zonas queimadas, con "obxectivos e orzamentos", un plan específico de prevención e de xestión para os lugares de alto valor ambiental do país e utilizar a figura do plan integrado para levar a cabo unha ordenación do monte. "Hoxe convertido nunha polvoreira", apostilou.

"Enviamos un SOS desde Vilar de Barrio para dicir que, se Galicia arde é polo abandono do medio rural, pola falta de limpeza, ordenación e aproveitamento do monte", salientou Pontón, quen dixo que é "responsabilidade da Xunta adoptar medidas a curto e medio prazo que eviten que este sexa o peor problema de de medio ambiente do país".

Pontón considera qeu o Goberno do PP ten que "recoñecer o fracaso da súa política forestal" como primeiro paso para cambiala. "Un monte limpo, ordenado e aproveitado para xerar riqueza e emprego limita a capacidade de quen quere prender lume e é o mellor antídoto contra os incendios", sinalou antes de insistir en que hai que "cambiar 40 anos de política forestal errada e de abandono do rural".

Pola súa banda, o rexedor de Vilar de Barrio, Manuel Conde, lamentou que un dos sinais de identidade do concello, a serra de San Mamede, fose "pasto do lume provocando perdas económicas e ambientais".

Así, pediu "manter vivo o incendio, non en chamas, senón no ámbito político para que a Xunta actúe dunha vez por todas tomando as medidas necesarias para que os incendios non se volvan a repetir".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón , reúnese con alcaldes da zona do Xurés. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón , reúnese con alcaldes da zona do Xurés. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta