O festival 'Curtocircuíto' regresa cunha edición reformulada e con parte da programación en liña

O evento expón unha proposta interdisciplinar e inclúe máis dunha trintena de pezas de 22 países

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O festival 'Curtocircuito' regresa este ano coa súa decimoséptima edición e unha proposta reformulada e reorientada polas circunstancias sanitarias que vive o territorio debido á COVID-19. De feito, por primeira vez exporase parte da programación de forma 'en liña', que se poderá ver a través da plataforma 'Filmin'.

Cartel da nova edición de Curtocircuíto
Cartel da nova edición de Curtocircuíto | Fonte: Concello de Santiago.

O evento desenvolverase entre o 3 e o 11 de outubro e, a pesar de contar cunha proposta diferente no sentido de formato, non renuncia á presencialidade. O festival contará co Teatro Principal, Salón Teatro, Sala Númax e a Sala Capitol como sedes principais, esta última para 'performance' e actuacións musicais.

Ademais mantéñense os intercambios profesionais, mesas redondas e co público a través dunha plataforma en liña específica da que se darán máis detalles o vindeiro luns.

Pela del Álamo, director do evento, incidiu en que a organización asume a responsabilidade de manter a actividade, xunto a outros festivais de cinema galego, para "demostrar que a cultura pode ser un lugar seguro" e que "hai que protexela", ao tratarse dun espazo "precario de seu" e moi castigado polas restricións da COVID-19.

De feito, todas as proxeccións e actos en vivo estarán sometidas a medidas sanitarias moi estritas, cunha capacidade limitada ao 50% ou a un máximo de 60 asistentes, agás que o comité clínico reformule as restricións para Santiago e para o sector cultural en próximas datas.

PROGRAMACIÓN MULTIDISCIPLINAR

A programación incluirá seccións como 'Longas x Curto', na que se exhibirán Lúa Vermella de Lois Patiño (2020), Los Condutos de Camilo Restrepo (2020), Zumiriki de Oskar Alegria (2019) e ThoseThat, at a Distance, Resemble Another de Jessica Sarah Rinland (2019). Todas elas estreadas na Berlinale, Venecia e Róterdan, respectivamente.

Tamén se dedicará unha parte especial á figura do director, actor e activista Dennis Hopper, co primeiro pase en España de 'Out of the blue', estreada orixinalmente nos anos 80.

Doutra banda, increméntase a programación galega e mantéñense seccións como 'Planeta Gz', 'Supernova' (dedicada a cineastas emerxentes) e 'XX novas creadoras', e contarán coa actuación de artistas como Javier Dez Ena, Julián Mayorga, Elías Merino ou Amorante.

SOLUCIÓN PARA A CULTURA

Durante a presentación do festival, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, advertiu de que non hai sectores que estean a sufrir un "golpe tan duro" debido á COVID-19 como o da cultura e instou a buscar unha solución que permita contar con "capacidades máis razoables" e no aproveitamento de espazos que non poñan en risco a súa "viabilidade".

Con el coincidiu o deputado Xosé Lois Penas, que lamentou que o sector estea "castigado" case ao mesmo nivel que o lecer nocturno, unha cuestión que necesita unha revisión. Neste sentido, instou a seguir sacando adiante as iniciativas culturais como Curtocircuito, que evidencian o bo momento que vive a creación e o audiovisual galego.

O director de Agadic, Jacobo Sutil, destacou o compromiso do sector, "moi importante" nestas circunstancias, e reivindicou a responsabilidade demostrada tanto polos asistentes como pola organización destas actividades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta