A valedora lamenta a "criminalización" dos mozos e pide que non volvan ser "os damnificados" desta crise

Fernández Galiño cre que as persoas maiores deben contar para a "reactivación" económica

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2020 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, lamentou a "criminalización" que, ao seu xuízo, se fai dos mozos nestes momentos polas actitudes dalgúns durante a pandemia, á vez que chamou a traballar para que non volvan ser "os damnificados" como o foron na crise económica desatada hai unha década. Díxoo na súa comparecencia ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia, onde este venres presentou a memoria do Valedor do Pobo do pasado ano 2019.

A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño.
A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño.

Alí, a valedora avanzou que a memoria de 2020 que se presentará o próximo ano diferenciará as queixas e investigacións relacionadas coa pandemia das demais, o que permitirá ter "unha radiografía" do ocorrido.

Para Fernández Galiño, a reactivación económica debe "pór o foco no centro do persoal de coidados" e contar coas persoas maiores, de quen dixo que "dicir que son os grandes prexudicados, queda curto".

"Na reactivación teñen que estar as persoas maiores. Hai que escoitalas e que teñan liberdade para elixir como queren vivir o que queda de vida", incidiu.

Así mesmo, Fernández Galiño advertiu da "criminalización" dos mozos que, aínda que recoñeceu que algúns "o están facendo mal" á hora de seguir as medidas impostas polas autoridades para controlar a pandemia, enfróntanse a un panorama no que poden volver ser os "grandes damnificados" polas consecuencias sociais e económicas que trae a crise actual.

Así, lembrou que na crise financeira e económica iniciada en 2008, os mozos "tiveron que tomar un camiño vital condicionado" ao contexto e que, agora, pode vovler a darse este escenario.

"Son os que están a acumular máis precariedade e máis taxa de pobreza", sinalou Fernández Galiño, que pide o "compromiso" das institucións para "pór en valor" esta "xeración hiperformada" para que poidan formar o seu proxecto de vida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta