Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2020 | Actualizada ás 17:49
Viberto Quinteiro Pérez, almirante da armada venezolana de 55 anos e fillo de dous emigrantes da Estrada, foi asasinado a tiros no estado de Miranda, en Venezuela, o pasado 7 de setembro.
Segundo confirman fontes do municipio galego, os pais da vítima viven actualmente na localidade estradense de O Foxo, a cal a propia vítima visitaría nalgunha ocasión, e aínda non puideron viaxar ao país latinoamericano.
De acordo con medios locais, o asasinado era membro da armada venezolana e o luns 7 de setembro viaxou desde a cidade de Valencia, no estado de Carabobo, cara a Ocumare del Tuy, no estado de Miranda, para negociar a compra dun camión ofertado a través de Facebook.
Segundo relatan os mesmos medios, conducía unha camioneta con outras dúas persoas no momento dos feitos. Tras chegar ao momento onde ía comprobar o vehículo, os supostos vendedores cambiaron a localización e conducírono ata un canellón nos Vales do Tuy.
Alí, Viberto Quinteiro Pérez foi acurralado por un grupo armado e, aínda que tentou fuxir, foi tiroteado ao acelerar a marcha da camioneta, relatan os mesmos medios locais. Os seus acompañantes, que saíron ilesos do crime, chamaron á policía e trataron de levalo a un centro sanitario sen éxito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.