Temas: FRASEOLOXíA

“Durmir a sono solto”, equivalente, entre outras, á castelá “dormir a pierna suelta”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 26/09/2020 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Tal e como comentabamos na anterior entrega, varias das locucións que reflectimos nela (en concreto, as que daban conta de que alguén durmía de xeito profundo, e xeralmente durante un tempo que non se considera nin curto nin insuficiente) poden confluír en espazos de uso, sobre todo en contextos semanticamente pouco marcados, coas que imos abordar no presente artigo, que son as que se virían a corresponder coa castelá dormir a pierna suelta e coas cales se dá a entender que unha persoa dorme placidamente e/ou con total tranquilidade e despreocupación. Imos aló.

Encamado /  JCOMP / FREEPIK - Arquivo
Encamado / JCOMP / FREEPIK - Arquivo

Dormir a pierna suelta

Dormir a pierna tendida

{= Durmir placidamente e/ou con total tranquilidade e despreocupación.}

Durmir a sono solto

Durmir a pao cheo

[E MAIS]:

Durmir a coca

Durmir á/a perna solta

Ex.: Joder nos jodió a todos aposta, pero seguro que el muy capullo dormirá a pierna suelta, pues no tiene principios ni ética.

Foder fodeunos a todos á mantenta, pero seguro que o moi toutizo ha durmir a sono solto ha durmir a papo cheo ha durmir a coca ha durmir á perna solta, pois non ten nin principios nin ética.

● Tamén, nos máis dos contextos:

Dormir como un santo && Dormir como un bebé

Durmir coma un bendito # coma un santo # coma un capitán # coma un parrulo # coma un rulo # coma un peixe # coma un pancho # coma un xusto # coma un anxo/anxiño && Durmir coma un meniño # coma un bebé

● E inda:

Encher as cocas && Durmir a sono tendido && Durmir coma un reloxo && Durmir á paparrandona && Durmir coma se caera nun pozo maimón

NOTAS:

1. A expresión encher as cocas (case que con total seguranza emparentada coa de durmir a coca) está tirada do artigo “Botando unhas liñas no mar do Morrazo” (véxase, na nota número 4, a bibliografía), e nel explícase que as cocas son as pinzas dos crustáceos.

2. A expresión durmir coma se caera nun pozo maimón (tirada –véxase a bibliografía– do blog “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”) entendemos que está relacionada co episodio polo que, alá ó pé do ano 1419, García Díaz de Cadórniga lle deu morte ó bispo Francisco Alonso guindándoo ó chamado “Pozo Maimón”, no río Miño.

3. A locución á paparrandona aínda a habemos ver nalgún outro artigo, nomeadamente cando nos ocupemos das locucións equivalentes á castelá tumbarse a la bartola, que abordaremos no seu momento.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Alonso Estraviz, Isaac: Dicionário Estraviz. Obra en liña, accesible na URL https://estraviz.org/.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Goce Denís, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta