O 30 de setembro finaliza o prazo para pedir as axudas ao aluguer

A axuda poderá concederse con efectos retroactivos desde abril e non poderá ir máis aló do mes de decembro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2020 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O vindeiro mércores 30 de setembro finaliza o prazo para solicitar as axudas ao pago do aluguer abertas en maio para as persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da pandemia de coronavirus.

Diso informa este sábado a Administración autonómica que, nun comunicado, lembra que os beneficiarios percibirán ata 500 euros durante o período no que acrediten estar en situación de vulnerabilidade, tempo que non poderá superar o seis meses.

Deste xeito, a axuda poderá concederse con efectos retroactivos desde abril e non poderá ir máis aló do mes de decembro. Ademais, a cantidade máxima mensual non pode superar nunca a renda mensual establecida no contrato de aluguer.

Na súa solicitude, que a Xunta recomenda cubrir por vía electrónica, os interesados deben informar sobre a data na que padecen a situación de vulnerabilidade, os seus ingresos netos, importe do aluguer, gastos de subministracións do mes anterior e a composición e ingresos da unidade familiar.

Todo iso acompañado coa documentación necesaria (contrato, extractos de pago, etc.). No caso de que o beneficiario obtivese un préstamo ICO para o pago do aluguer, a axuda destinarase ao pago deste crédito, mentres que no resto dos casos a subvención será abonada directamente polo Instituto Galego de Vivenda e Só (IGVS) ao propietario da vivenda.

REQUISITOS

Así as cousas, a Xunta establece como requisitos para acceder a esta axuda que os solicitantes se atopen en desemprego, ERTE ou redución de xornada como consecuencia da pandemia.

Estas circunstancias, continúa a Administración autonómica, deberán causar "unha redución substancial de ingresos ao mesmo tempo que o custo do aluguer e as subministracións básicas da vivenda supoñan unha parte importante dos mesmos".

Deste xeito, para optar á axuda, os ingresos conxuntos da unidade familiar non poderán superar tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), é dicir, 1.613,52 euros.

Rúa Príncipe de Vigo é a zona de aluguer de locais comerciais máis cara de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Rúa Príncipe de Vigo é a zona de aluguer de locais comerciais máis cara de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta