Feijóo sobre os turistas madrileños: "por suposto poden vir todas as veces que queiran"

O presidente da Xunta destaca que Galicia é un "lugar seguro"

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que Galicia está preparada para recibir turistas de Madrid, un dos lugares con maior índice de contaxio no Estado. Así, sobre aqueles que teñen segunda residencia ou que visiten Galicia, lembrou que a Xunta ten un teléfono a disposición dos cidadáns "de todas as comunidades que exceden 3,5 veces a porcentaxe de infección que hai en Galicia".

O Concello de Sanxenxo pecha as súas praias como medida adicional no estado de alarma
O Concello de Sanxenxo pecha as súas praias como medida adicional no estado de alarma

"E cando cheguen á Comunidade, que por suposto poden vir todas as veces que queiran, pomos á súa disposición ese teléfono para que nos digan cal é o seu domicilio ou localización e poder ofrecerlles médico ou centro de saúde, probas, test e control de saúde pública", relatou.

"É o que viñemos facendo e funciona. Primeiro porque a xente cando chega quere saber cal é o seu médico ou centro de saúde máis próximo, ou como pode facerse un test no caso de que teña síntomas. E segundo, porque a nós nos facilita o rastrexo das persoas que veñan de territorios cunha porcentaxe de infección moi por encima da galego", reflexionou.

Así, concluíu que Galicia "segue sendo un lugar seguro". "Seguimos sendo con Valencia, Asturias e Canarias as comunidades con menor infección, levámolo sendo durante estas últimas semanas e os últimos días aínda melloramos un pouco máis", subliñou, antes de incidir en que isto "non significa que non haxa preocupación" e que dentro dunhas semanas os datos galegos poidan empeorar. "Pero ese teléfono está a disposición de calquera cidadán que veña de Madrid, non para molestar ao cidadán, senón para ofrecerlle servizos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta