Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 14:53
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou á innovación como alicerce da "industria do futuro", durante a súa intervención nun acto na sede do Museo de Estrella Galicia e tras a visita que realizou á mesma, xunto ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
Nela, reivindicou tamén o "compromiso social" desta compañía e de Inditex no actual contexto de pandemia. "Das poucas empresas españolas que non tiraron do gasto público para financiar o salario do seu persoal", dixo sobre os expedientes de regulación de emprego temporal. Unha afirmación que contrasta co sacrificio de moitas medianas e pequenas empresas galegas que tamén están resistindo a Covid e mantendo milleiros de postos de traballo sen axudas públicas.
En particular, Feijóo destacou a "resistencia" da compañía cervexeira durante a pandemia. "Que non diminuíu os seus investimentos, que vai incrementar os seus postos de traballo", dixo antes de situala como "un exemplo de boas prácticas" no que se refire a "a innovación, a internacionalización e a diversificación dos seus produtos".
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, admitiu que este está a ser "un ano complicado" e que apostaron, no actual contexto, pola "internacionalización e a venda electrónica". "Das crises pódese saír reforzado", afirmou tamén nunha intervención na que cualificou de "magnífica noticia" para a hostalaría o acordo de prorrogar os expedientes de regulación temporal de emprego. "Ou se lle axuda ou non chega a Semana Santa", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.