Pontón acusa a Feijóo de "ignorar" Santiago de Compostela nos gobernos anteriores

Esixe un paquete de medidas dirixida á capital para pagar a "débeda" da Xunta coa cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este xoves os compromisos da formación nacionalista coa capital galega e, no almorzo informativo que protagonizou xunto aos cargos e referentes locais, advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da "débeda" que mantén coa cidade.

Por iso, nun almorzo informativo de ámbito local presentado pola concelleira Navia Rivas, reclamou varias actuacións no ámbito económico e social, como un "plan de rescate" do sector turístico e cultural e crear un polo de innovación que pivote arredor da universidade e aos centros investigadores xa existentes Cimus e Cicus.

Pero a lista de peticións da formación nacionalista coa capital galega tamén pasa por un compromiso para a construción da nova estación depuradora sen que iso supoña un "sobrecusto" na factura da auga dos veciños; un financiamento propio que sexa acorde co estatuto de capitalidade de Santiago; e un programa de vivendas sociais, entre outras cuestións.

"É evidente que tivemos un Goberno galego que ignorou Santiago de Compostela e que o Goberno de Feijóo ten unha débeda con Santiago, desde o punto de vista sanitario, económico e de servizos básicos", manifestou Ana Pontón, quen dixo que "non é de recibo" que a capital non conte con máis vivendas sociais, servizos sanitarios adecuados ou un financiamento acorde aos "gastos derivados da capitalidade". Pontón sostivo que o Goberno de Feijóo "ten unha débeda e debe empezar a pagala de inmediato".

XACOBEO

Sobre o Xacobeo 21, cuxa exencións fiscais se estenderán ao ano seguinte, Pontón advertiu que "non vai ser o 'maná'" e reclamou "atender as necesidades do turismo como cuestión clave para o futuro". "Porque hai moitos pequenos e medianos comercios que o están pasando realmente mal nesta situación", advertiu Pontón, quen reclamou un "plan de rescate do comercio e turismo" cunha reorientación dos fondos que se ían a dirixir ao Xacobeo.

A longo prazo, apostou por crear na cidade compostelá un "polo de desenvolvemento de innovación", vinculado ao campus universitario, con centros de excelencia como o Cimus e o Cicus. "É unha das liñas do futuro e hai que reorientar a economía galega. Galicia ten aquí unha oportunidade moi importante", salientou.

Ana Pontón incidiu que "non se pode fiar todo ao Xacobeo" e que, aínda que é "positivo" manter os Erte neste sector uns meses máis, recalcou que "o importante é facer traballo de base" en Santiago e o realizar "un plan de rescate turístico e do comercio" e "medidas estruturais".

Almorzo informativo do BNG en Santiago de Compostela, con Ana Pontón e Goretti Sanmartín, no centro, e Navia Rivas e Iria Carreira nos extremos esquerda e dereita.
Almorzo informativo do BNG en Santiago de Compostela, con Ana Pontón e Goretti Sanmartín, no centro, e Navia Rivas e Iria Carreira nos extremos esquerda e dereita. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta