O pleno do Concello da Coruña reclama de novo a Casa Cornide e cualifica de "non grata" a presenza dos Franco

Dá luz verde tamén a unha declaración institucional instando a "non demorar máis" o dragado da ría do Burgo.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 01/10/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O pleno da Coruña aprobou unha moción reclamando a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da cidade e considerando "non grata" a presenza da familia Franco "polo seu empeño en continuar co espolio e manter a propiedade" do citado inmoble.

Casa Cornide
Casa Cornide | Fonte: Concello da Coruña.

O texto foi presentado polo BNG, coa incorporación de emendas do PSOE, tras unha iniciativa da Comisión en Defensa do Común con apoio de distintos colectivos veciñais e sociais, ademais doutras formacións, entre elas Marea Atlántica, que como nacionalistas e socialistas votou a favor. O PP, pola súa banda, abstívose.

O seu concelleiro, Roberto Coira, cuestionou a conveniencia desta moción agora, ao tratarse dun texto que se ratifica nos acordos plenarios dos últimos tres anos e que expón avanzar no proceso para que o inmoble --posto á venda polos Franco-- sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), así como emprender, no seu momento, as accións legais para recuperar a propiedade.

Ao fío desta cuestión, o concelleiro de Marea Atlántica Iago Martínez trasladou o malestar desta organización por entender que non se están dando pasos por parte do goberno local en canto á Memoria Histórica. O edil desta área, Jesús Celemín, defendeu as actuacións a este respecto. "Estamos a traballar nas resolucións do último Consello de Memoria Democrática".

Antes deste debate, a alcaldesa deu lectura a unha declaración institucional sobre a ría do Burgo, na que se insta a "non demorar máis" o seu dragado e a súa rexeneración e tamén a "cumprir" cos compromisos de compensacións económicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta