O Parlamento galego insta ao Goberno central a estender Internet de alta velocidade a toda Galicia

Reclama ao Estado a execución de fondos Feder para a extensión de Internet de 100Mbps.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/10/2020 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular para reclamar ao Estado a execución de fondos Feder para a extensión de Internet de 100Mbps a toda Galicia.

Conectados a Internet
Conectados a Internet | Fonte: JCCM.

Na súa intervención, a deputada do PPdeG Noelia Pérez puxo en valor o investimento da Xunta na extensión da banda ancha e reclamou que "o despregamento de redes de alta velocidade" actúe "desde xa" como "elemento tractor para a modernización dos servizos públicos" e "para mellorar a competitividade" do tecido empresarial.

Por iso, Pérez esixiu que se "axilicen ao máximo" aquelas liñas de actuación financiadas cos fondos Feder" para Galicia, que dependen do Estado e lembrou que España ten autorizado pola Comisión Europea continuar concedendo axudas nos anos 2021 e 2022 para proxectos que, xunto cos que desenvolve a Xunta, "permitan continuar mellorando a cobertura coa que contan os galegos".

Tanto o PSOE como o BNG votaron a favor da iniciativa, aínda que, nas súas intervencións, incidiron na responsabilidade da Xunta na materia.

En concreto, Martín Seco (PSdeG) afeou ao PP que "só traia iniciativas" ao Parlamento para "pedirlle algo ao Estado", en lugar de "facer propostas ao Goberno galego". "O Goberno do Estado leva anos facendo un esforzo para facer chegar a cobertura a todo o territorio", dixo o deputado socialista, quen destacou que Galicia foi a autonomía que máis axudas recibiu para iso en 2018 e 2019, "baixo o maligno Goberno de Pedro Sánchez".

Pola súa banda, Daniel Pérez, do BNG, dixo "non compartir" os eloxios dos populares cara á xestión da Xunta e asegurou que hai unha "responsabilidade compartida" entre Goberno central e galego en materia de extensión de Internet. Entre outras cuestións, lembrou os problemas "moi importantes" en centros educativos para implantar unha educación en liña durante a pandemia, ou o teletraballo, "imposible os moitos sitios de Galicia en pleno século XXI".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta