Dous mortos máis, pero ningún positivo novo nas residencias galegas

Os casos activos de usuarios con Covid-19 son 307, mentres que os traballadores de xeriátricos contaxiados baixan a 114.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/10/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A cifra de usuarios afectados por coronavirus nas residencias de maiores galegas diminuíron ata os 307, tras producirse nas últimas horas dous falecementos --en Hogar Residencial El Pinar, en Culleredo (A Coruña), e en Nosa Señora do Viso, en Lobeira (Ourense)-- pero non se rexistraron novas altas nin positivos.

Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo
Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Segundo os datos achegados este venres pola Consellería de Política Social, actualizados a última hora do xoves, o xeriátrico que continúa tendo máis usuarios afectados é a DomusVi de Outeiro de Rei, con 131, seguida da residencia do Incio, con 48.

En terceiro lugar está Nosa Señora do Viso, de Lobeira, que resta un caso por falecemento --o dunha muller de 90 anos--, ata os 47; seguida da Ballesol de Oleiros, onde hai 33 usuarios contaxiados. Na residencia Santa Marta de Vigo son 17 os anciáns afectados, mentres que nas Salinas de Ourense seguen 15 internos con coronavirus.

No fogar residencial El Pinar hai oito positivos, un menos que este xoves debido ao falecemento dun home de 72 anos diagnosticado con COVID-19. Ademais, DomusVi Lalín e a Torrente Ballester da Coruña teñen dous casos cada unha.

Finalmente, hai un usuario contaxiado en cada un dos seguintes centros: residencia de Arteixo, residencia O Pilar, residencia DomusVi Coruña (Oleiros) e residencia Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás (Ourense).

En canto ao persoal dos xeriátricos, o total de contaxiados de coronavirus descendeu a 114, tras sete altas e dous novos positivos. 

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Pola súa banda, nos centros de atención a persoas con discapacidade continúan seis usuarios afectados e baixan a 20 os traballadores cunha PCR positiva, tras un novo contaxio na residencia San Vicente de Paúl, en Lugo, e dúas altas na Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros, e no centro de persoas con dano cerebral Fundace de Castro de Rei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta